Os sindicatos asumen que os despidos en NCG dependerán do que ordene a UE

Oficina de Novagalicia Banco na Coruña © NGB

Os sindicatos con representación en Novagalicia Banco (NCG) e o seu presidente, José María Castellano, reuníronse este luns para abordar a situación da entidade e coñecer detalles sobre o plan de recapitalización enviado ao Banco de España. Pouco se puido saber da xuntanza logo de que os representantes sindicais recoñecesen que aceptaban a petición da dirección de non dar facilitar datos sobre cifras ou cuestións relevantes.

Tanto os representantes de CIG, CCOO como o de UGT destacaron que non había “novidades importantes” e que o futuro da entidade e, xa que logo, do seu plantel, quedaba a expensas de “coñecer a valoración da entidade” o vindeiro día 28, así como as necesidades de inxección que terá tras a aceptación do rescate financeiro por parte do Goberno español. “Todo segue igual, non hai un cambio de rumbo importante”, foi a frase máis repetida á saída da xuntanza por parte dos sindicatos, que si recoñeceron que foron informados por NCG do novo plan de recapitalización, pero que non puideron ver papel ningún sobre as intencións do banco.

Os sindicatos manteñen silencio ante as peticións de NCG, pero recoñecen que non se lles presentou papel ningún

No entanto, os temores son evidentes. “Mentres non se coñezan nas necesidades do banco, tampouco se saberá o impacto laboral; aínda estamos a asumir o impacto que supuxo a bancarización, pero a UE xa advertiu que habería que axustar oficinas e persoal”, declarou Clodomiro Montero, secretario xeral de CIG-Banca, nunha rolda de prensa xunto ao deputado do BNG no Congreso, Francisco Jorquera.

“Os temas laborais dependerán máis de decisións políticas”, insistiu Montero, que aclarou que na xuntanza con Castellano tratáronse, sobre todo, “temas internos”. “Hai un ERE en marcha”, lembrou o representante da CIG, que recordou que incluiría 700 saídas con baixas incentivadas e a suspensión de contrato para 1.400 persoas.

"Os temas laborais dependerán máis de decisións políticas"

“Somos conscientes de que as distintas alternativas depende máis de decisións políticas que do señor Castellano”, chegou a recoñecer Montero, tras destacar que é importante “coñecer cantos despidos van vir impostos” polas auditorías ás entidades financeiras, ademais das condicións que poña a UE ao rescate financeiro. Total, que o plan de recapitalización é o de menos neste caso. O importante será o que marque Europa e as avaliacións que se fagan das entidades. "Os 6.000 postos de traballo de NCG están en perigo", chegou a dicir.

Ademais, e respecto ás palabras do comisario Almunia, que advertía da posibilidade de liquidar NCG Banco, Clodomiro Montero lembroulle que a entidade “si é sistémica para Galicia”.

No entanto, fontes coñecedoras da reunión deste luns aseguran que , logo de celebrarse, son máis os que ven “máis preto a posibilidade de que NCG Banco continúe en solitario que a de que entre nunha poxa ou sexa absorbida por outro banco máis grande”.

“Quen realmente vai marcar o futuro, será quen poña a pasta”, chegan a dicir as mesmas fontes, que asumen tamén que as decisións no plano laboral non se coñecerán polo momento e que “dependerán moito do resultado das auditorías”, uns resultados que cren “moi manexables”. “Como  se valora NCG? Polo que vale agora? Polo que pode valer no futuro?”, pregúntanse.

Exterior dunha oficina de Novagalicia Banco © NGB

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.