0 Gardados para despois

Só o 9% dos gandeiros galegos piden a subvención da UE para reducir a produción de leite

Redacción | @prazapublica

Tan só nove de cada cen gandeiros en Galicia reclamaron as subvencións da UE para reducir a produción láctea. Até o vindeiro mes de decembro, as explotacións que opten polas axudas comunitarias por deixar de producir recibirán 14 céntimos por cada litro. Segundo os datos do Fondo Español de Garantía Agraria, no país foron tan só 782 dun total de 8.755 os que reclamaron este mecanismo comprometéndose a entregar sobre 20 toneladas menos de media por gandeiría e 10,5 millóns de quilos en total. 

Menos de 800 gandeiros optaron por reducir a produción en Galicia

Son un 9% dos produtores en Galicia, unha proporción semellante á que se dá a nivel estatal. E todo parece indicar que, na maioría dos casos, optaron por estas subvencións explotacións pequenas, que xa pensaban en reducir a súa produción ou mesmo pechar nos vindeiros anos. 

Ao contrario que en Galicia, o proceso para diminuír a produción si está a funcionar noutras áreas leiteiras da Unión Europea. Na actualidade, o 98% do máis de 1 millón de toneladas que se prevían retirar xa están fóra. 

As organizacións agrarias non cren que a medida da UE sirva para equilibrar oferta e demanda

Desde as organizacións agrarias advírtese do nulo ou escaso efecto desta medida comunitaria e, cando menos desde Galicia, non cren que sirva para equilibrar a oferta e demanda. Os reducidos prezos que pagan as industrias e os aínda máis reducidos que impoñen para os excedentes a partir dunha cantidade complican a situación. Con todo, continúa un lixeiro optimismo sobre os importes, que prevén que se recuperen algo no último trimestre do ano. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.