0 Gardados para despois

O número de persoas que van andando ou en bici ao traballo creceu un 62% dende o 2011

Redacción | @prazapublica

O uso do transporte público é practicamente residual en Galicia, tanto para ir ao traballo (só o 5,05% das persoas ocupadas o utiliza), coma para ir de compras (4,91%), actividades de ocio (5,39%) ou visitar familiares e amigos (6,65%). Así o revela a Enquisa Estrutural a Fogares publicada polo IGE, que constata que a utilización do tren ou do autobús se reduciu abruptamente nos últimos anos. Así, no censo de 2011 73.281 galegos e galegas afirmaban empregar o transporte público para ir traballar, unha cifra que no presente estudo do IGE se reduce ata as 46.832, un 37% menos.

Os vehículos motorizados privados son a escolla predominante para acudir aos centros de traballo, empregados por dous de cada tres empregados e empregadas (67%). A cifra total (622 mil) incrementouse notablemente dende o 2011 (506 mil). A porcentaxe de persoas que empregan os seus vehículos para ir a traballar chega a ser do 89% no sur de Pontevedra (Baixo Miño, A Paradanta, O Condado...), do 79% no Morrazo ou en Ferrolterra ou do 77% no Barbanza. E redúcese nas cidades, sobre todo na Coruña (53%), Ourense (56%) ou Pontevedra (59%). Tamén é menor nalgunhas comarcas rurais (Montaña de Lugo ou Sur da provincia de Ourense).

Nos últimos anos tamén creceu a cantidade de persoas que van traballar a pé ou en bicicleta. Son xa o 26% e o seu número pasou de 148 mil en 2011 a 240 mil en 2015, un aumento do 62%.

Os vehículos privados son tamén os máis utilizados para desprazamentos cun obxectivo distinto ao do traballo, aínda que perden peso en beneficio doutros métodos. Así, para facer compras ou para actividades de ocio, o 55% emprega o coche (o 26% vai andando ou en bici e o 5% en transporte público). Nas cidades o vehículo privado úsase menos, cunha maior importancia do transporte público en Vigo, Ourense ou Santiago e, sobre todo, polo predominio dos desprazamentos a pé.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.