Traballadores do grupo Popular saen á rúa contra un ERE "brutal"

Mobilización contra o ERE do grupo Popular © CIG

Arredor de 200 empregados do Grupo Popular-Pastor concentráronse este sábado en Compostela contra o ERE que prevé prescindir no país de 435 traballadores, un de cada catro dos que a entidade ten en Galicia. Se o pasado xoves eran traballadores de Extel e cidadanía da Coruña os que saían á rúa contra outro masivo ERE que pretende despedir máis de 200 operarios no centro de chamadas, a fin de semana tocoulle ao cadro de persoal da entidade bancaria. Entre os dous expedientes de regulación de emprego, máis de 630 postos están en xogo. 

O ERE do Popular afecta un de cada catro traballadores do grupo en Galicia: 435 traballadores

Chegados de toda Galicia, os traballadores do Popular concentráronse diante das sedes principais das dúas maras do grupo para logo celebrar unha asemblea na praza do Toural. Nela insistiron no seu total rexeitamento a un ERE que, no conxunto do Estado, afecta 2.894 empregados. Para Rosa Conde, representante sindical da CIG -sindicato maioritario- e presente nas negociacións, o expediente é "desproporcionado" por "incidir na calidade do servizo e  afectar sobre todo áa oficinas do rural”. É unha redución de emprego "brutal", segundo insiste. 

Conde explicou que na primeira reunión formal do ERE a empresa aínda “non informou da relación total de oficinas que se pechan” e denuncia que os cadros de persoal en Galicia "xa están bastante axustados" logo de que saíran prexubiladas 400 persoas cando se produciu a fusión entre Popular e Pastor e outras 400 marcharan a Madrid ou abandonaran a empresa cando se desmantelaron os servizos centrais no país. “Se a isto lle engadimos o que se vai reducir agora co ERE, o tema é sangrante”, engadiu. 

Os representantes sindicais advirten dun ERE "desproporcionado" e "brutal"

Ademais, a representante sindical lembrou que que a responsabilidade da situación do grupo bancaria é "dos propios xestores" pola "política de negocios emprendida, que provocou que o banco teña un enorme stock de inmobles e de solo que agora queren pagar con postos de traballo".

O Grupo Popular-Pastor pretende que nunha primeira fase haxa unha adscrición voluntaria de empregados ao ERE, pola vía de prexubilacións “agás nos casos nos que considere que por razóns organizativas ou técnicas necesita a esas persoas”, segundo sinala Conde. De non chegarse nesta primeira fase ao total previsto -1.800 empregados- poría en marcha unha segunda fase “non voluntaria”, despedindo os traballadoras e traballadores das oficinas que teñen previsto pechar ou daquelas que se fusionen;  aqueles nas que haxa unha redución de persoal, atendendo a un criterio empresarial de “eficiencia”; e cadro de persoal de departamentos de estrutura de apoio á rede.

As direccións territoriais en Galicia pasarían de cinco a tres, mentres que os empregados das oficinas do rural terían que compartir persoal e as sucursais abrirían só algúns días á semana. Segundo aclarou Rosa Conde, a entidade anunciou que a execución do ERE se prorrogaría até o 30 de xuño de 2017 con carácter xeral “o que non quere dicir que a 31 de decembro xa haxa xente que estea fóra”.

Os representantes sindicais advirten que, ademais de rexeitar o ERE, loitarán nas negociacións por incluír os traballadores de a partir de 55 anos –a previsión é que nas prexubilacións entren os de 59 ou máis anos- con compensacións económicas e cun convenio especial que complemente os salarios até os 63 anos.

Mobilización contra o ERE do grupo Popular © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.