0 Gardados para despois

A gran cooperativa láctea sumará xa máis socios antes de botar a andar en 2017

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A unión de Feiraco, Xallas, Os Irmandiños e Melisanto é só o principio. O pulo indispensable destas grandes cooperativas vén de poñer a andar a gran sociedade cooperativa do sector lácteo galego, que estará activa o próximo 1 de xaneiro. Daquela, á marxe das catro impulsoras, estarán xa integradas outras moitas sociedades interesadas no proxecto presentado este pasado luns.

Varias cooperativas, á marxe das catro fundadoras, están xa "ás portas" da entrada na integración

Así o asegura en declaracións a Praza José Montes, presidente de Feiraco, que aclara que son varias as cooperativas galegas lácteas que están "ás portas" da nova Integración Cooperativa Galega -nome provisional á espera dun definitivo- e coas que manterán  unha xuntanza no vindeiro mes de novembro. Será xusto despois de que o próximo 31 de outubro, tal e como está previsto, as asembleas das catro cooperativas impulsoras do proxecto aproben en asemblea a unión nesta cooperativa de segundo grao.

A partir de aí, e tal e como xa aseguraran na presentación os presidentes das catro sociedades, a nova sociedade queda "aberta" á incorporación de novas cooperativas galegas, moitas delas tan só á espera de cumprir cos requirimentos mínimos que se lles esixen para poder integrarse: un capital mínimo de 2 millóns de euros

O obxectivo é que todas as cooperativas lácteas que cumpran os requisitos acaben integrando o gran grupo galego

Segundo aclara José Montes, o novo gran grupo lácteo galego botará a andar en 2017 xa cun bo número de cooperativas integradas, á marxe das catro que conformaron un proxecto impulsado por Agaca (Asociación Galega de Cooperativas Agrarias). Son, precisamente, as integrantes desta asociación a base sobre a que se irá engordando o novo grupo. Máis de 190 cooperativas, das que habería que obviar, "polo momento", aquelas non dedicadas ao sector lácteo ou de forraxe e pensos. Do resto, como asegura o presidente de Feiraco, o obxectivo é que se acaben por unir todas, moitas delas xa nesta fase inicial para comezar a actividade no vindeiro xaneiro.

Coa eterna aspiración de crear á fin o gran grupo lácteo galego, esta integración cooperativa semella un paso na boa dirección. A produción conxunta das catro sociedades impulsora ascende aos 413 millóns de litros de leite -o 20% de toda a de Galicia-, pero esta porcentaxe aumentarase axiña coa inclusión doutras empresas que só teñen que superar os trámites. Ademais, entre as catro fundadoras producen tamén 240.000 toneladas de pensos e sumarían 4.240 socios e uns 430 traballadores. Feiraco controlará, polo momento, o 45,3% do capital; os Irmandiños, o 30,7%; Melisanto, o 12,6%; e Xallas, o 11,4%. Ademais, a facturación conxunta foi de case 200 millóns de euros no pasado ano.

O obxectivo fundamental desta Integración Cooperativa Galega é darlles ás explotacións que as compoñen maior competitividade e eficiencia a través da integración de servizos e de xestión de compras co obxectivo de abaratar custos e soportar mellor as variacións nos prezos do leite.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

UUAA cre que é "un primeiro paso" e espera "que se concrete en algo máis ambicioso"

O secretario xeral de Unións Agrarias (UUAA), Roberto García, considera a integración de varias cooperativas galegas nun gran grupo "un primeiro paso" que "espera" que "se concrete en algo máis ambicioso". O líder do sindicato agrario confía en que as asembleas das catro cooperativas que impulsaron a súa unión "validen" o acordo.

García non dubida do "paso adiante" que supón a integración das cooperativas galegas

Ademais, Roberto García asegurou que non dubida que o anuncio supón "un paso adiante para rematar coas pequenas dificultades que teñen estes procesos de concentración, que deberán redundar en beneficio dos socios, como é abaratar as materias primos para os pensos que consumen a inmensa maioría das explotacións".

"E esperemos, ademais, que se consolide un proxecto, que é o que máis demandan estes gandeiros, para que se lle dea valor engadido ao leite que producen", asegurou, antes de engadir: "É un primeiro paso que esperemos que se concrete en algo máis ambicioso".

Roberto García confesou que lle "consta" que a Xunta "está implicada" neste proxecto e, así, advertiu que "responde tamén a unha iniciativa do Ministerio (de Agricultura) que vai axudar economicamente a esta concentración cooperativa". "Calquera proxecto que presente este grupo a maiores gozará das beixóns públicas para levar adiante un proxecto de transformación e comercialización do leite que se produce nesas cooperativas", rematou. 

A Xunta cre que é "o camiño a seguir"

A Consellería de Medio Rural felicitou as cooperativas  pola súa intención de integrarse nun grupo e nun comunicado sinalou que esta decisión "coincide coa filosofía que sempre defendeu a Xunta de contar cun gran grupo que lidere o sector leiteiro en Galicia para defender os intereses de todos os elos da cadea".

"A decisión das cooperativas coincide coa filosofía que sempre defendeu a Xunta", di Medio Rural

Neste sentido, subliña que "é o camiño a seguir" para lograr estabilidade no sector e un abaratamento de custos. "Esta unión axudará a organizar un sector clave para Galicia e apostará pola industrialización dentro do noso territorio, unha peza tamén crucial para ser líderes no ámbito leiteiro," engade o departamento que dirixe Ángeles Vázquez.