Os traballadores de Extel levarán o ERE aos tribunais de executarse

Mobilización contra o ERE en Extel © Marea Atlántica

Toda a representación sindical decidiu por unanimidade non asinar o ERE presentado por Extel. Rematado o período de consultas do expediente de regulación de emprego presentado pola empresa de telemárketing, non houbo acordo ningún entre empresa e representantes de traballadores. A bola queda agora no tellado da compañía, que debe decidir nos vindeiros quince días se executa o despedimentos colectivo que afecta 355 traballadores no Estado, a maioría deles -205- no seu centro da Coruña. 

Toda a representación sindical decidiu por unanimidade non asinar o ERE presentado por Extel

A unidade do cadro de persoal volveu quedar patente e o comité de empresa xa anunciou que, no caso de que Extel decida aplicar o ERE, presentarán un recurso ante a Audiencia Nacional para que se declare improcedente ou nulo. Malia que a filial do grupo Adecco rebaixou o número de afectados -uns 30 menos na Coruña- e mesmo mellorou as condicións económicas de saída, a resposta foi un non rotundo. Insisten os traballadores en que a carga de traballo é suficiente para todos e que non hai xustificaicón ningunha para o ERE. 

O cadro de persoal medita agora novas mobilizacións nas vindeiras semanas mentres a empresa advirte que abrirá un período voluntario para que os traballadores que o desexen abandonen a empresa ata o vindeiro día 25. Non se agarda, no entanto, que ninguén se una a esa iniciativa. 

 

O Popular pechará oficinas en plena negociación

Por outra banda, e logo dunha nova mobilización en Vigo, os representantes sindicais do Grupo Banco Popular consideran "inaceptábeis” as condicións ofertadas pola entidade para o ERE que afectaría 435 persoas en Galicia, un de cada catro empregados. Así o asegurou Rosa Conde, responsable da CIG na empresa e unha das negociadoras en Madrid, xa que advirte que o ofrecido non permitiría ao persoal o abandono voluntario do banco, abocando así a despedimentos forzosos.

Os representantes dos traballadores consideran "inaceptábeis" as condicións ofertadas polo Popular

Alén disto, e segundo o sindicato, o Popular pretende botar o cadeado a un bo número de oficinas "sen respeitar sequera o período de consultas do ERE", que rematará o vindeiro 6 de novembro. Isto, para Rosa Conde, revela a “falta de boa fe” por parte da empresa, que “xa está mandando a comunicación a moitos clientes do peche de entidades con data do mes de outubro”. Parte delas en Vigo e na Coruña, segundo puideron saber os sindicatos.

Noutro conflito laboral, e tras trece xornadas de folga e numerosas concentracións desde agosto a dirección de Tecnocom sentou a negociar, o que permitiu que se chegara a un "acordo satisfactorio para traballadoras e traballadores e para a empresa". A CIG, advirte, dá así por rematado o conflito.

O conflito en Tecnocom remata logo de que a empresa sentase a negociar cos traballadores

A empresa ten a concesión do mantemento do soporte informático de numerosas aplicacións empregadas no Sergas. As traballadoras desenvolven o seu traballo en quendas de 24 horas, sete días á semana, cuns salarios que oscilan entre os 700 e os 850 euros. A CIG presentou unha demanda de conflito colectivo e finalmente a convocatoria de folga.

Houbo paros e mobilizacións mentres o cadro de persoal pedía volver de forma permanente ás condicións de xornada, horario, quendas, salario e forma de pago, anteriores á modificación unilateral; o abono dos danos e prexuízos que a decisión ocasionou ao persoal durante o tempo en que foi efectiva a modificación; compensación, económica ou en días libres, polos festivos realizados en horario diurno. A dirección de Tecnocom, ante a presión dos traballadores, decidiu sentar a negociar e chegar a un acordo que "satisfai" aos empregados. 

Mobilizacións contra o ERE no Popular © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.