Os salarios das persoas menores de 35 anos, conxelados dende o 2008

Evolución salarial por grupos de idade Dominio Público Praza Pública

Galicia non é un bo país para ser mozo ou moza, cando menos en termos laborais e económicos. Os salarios medios que perciben os e as menores de 35 anos permanecen estancados dende os niveis previos á crise. Dos 16.169 euros de 2008 ata os 16.312 de 2014, último dato publicado, que recolle a Enquisa de estrutura salarial difundida polo INE. A cifra actual, malia experimentar un lixeiro ascenso nos dous últimos anos, está aínda moi lonxe do máximo acadado en 2010 (17.549).

Para o conxunto da poboación nestes anos produciuse unha suba, aínda que cativa, dun 5%, dos 19.156 euros aos 20.196. Ademais da conxelación sufrida polas persoas entre 25 e 34 anos, chama a atención que os traballadores e traballadoras entre 45 e 54 anos viron reducido o seu salario medio, que caeu dende os 22.490 euros ata os 22.361

Os salarios dos traballadores e traballadoras do sector servizos (a gran maioría dos asalariados e asalariadas) son os que menos creceron nos últimos seis anos. En concreto, experimentaron unha suba inferior aos 500 euros anuais (por debaixo da media), o que os colocou por detrás dos salarios medios no sector da construción e lonxe do que se rexistra no sector industrial.

Tamén parece evidente que a crise incrementou a diferenza entre aquelas persoas que gañan máis e as que gañan menos. O INE fai unha distinción entre tres niveis de ocupacións: alto (postos directivos, profesionais e técnicos/as), medio (administrativos/as, auxiliares), e baixo (operadores/as de maquinaria, traballadores/as non cualificados/as). Dende o 2008, o salario dos traballadores e traballadoras con ocupacións do primeiro grupo creceu case dous mil euros. Pola contra, nos grupos medio e baixo practicamente se pode falar de estancamento, con ascensos case testemuñais.

Mantense, ademais, a fenda de xénero. O salario medio anual dos traballadores galegos sitúase en 22.505 euros, case cinco mil euros por riba do das mulleres (17.797). A diferenza apenas variou dende o ano 2008 (21.106 e 16.646).

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.