A Galicia que recupera empregos e a Galicia que segue a perdelos

Incrementos e reducións de persoal ocupado, por concellos CC-BY-SA Praza Pública

Levamos algúns meses de novas máis ou menos positivas en materia laboral. A taxa de paro está a descender e estase a crear emprego neto, incrementándose o número de persoas con contrato de traballo e afiliación á seguridade social. Este dato, o das afiliacións á Seguridade Social, adoita ser o indicador máis fiable sobre a situación do mercado laboral, alén das cifras da Enquisa de Poboación Activa (aproximadas e non válidas para concellos concretos) ou das inscricións nas oficinas de búsqueda de emprego (das que moitas persoas se borran por desánimo).

Tamén o indicador de afiliacións está a proporcionar boas novas ultimamente: estanse a crear empregos, aínda que a mellora é paseniña e aínda se está moi lonxe de recuperar todo o perdido dende o ano 2008. Na actualidade traballan 950.359 persoas en Galicia, cen mil menos que as que traballaban en xuño de 2007 (1.061.746). Iso si, estamos a vivir unha tendencia crecente dende os mínimos acadados entre finais de 2012 e comezos de 2015, cando a cifra roldou os 900 mil traballadores e traballadoras, algo arriba, algo abaixo.

Nin a destrución de emprego afectou a todas as comarcas e concellos galegos por igual. Nin a recuperación que se está a vivir dende o pasado ano chega a todas as localidades nunha medida semellante. Nas cifras de afiliación entran en xogo outros elementos, coma a emigración interna e externa, moi ligada á propia saúde do mercado de traballo e ás oportunidades que en cada lugar haxa para as persoas en paro. E tamén o envellecemento da poboación e a falta de recambio con traballadores e traballadoras novas.

Tan só na comarca do Barbanza traballa máis xente agora que no 2007 (107 máis). E Santiago Terra de Melide, Arzúa, A Ulloa ou Allariz-Maceda amosan unha redución de empregos cativa. No extremo contrario atopamos varias comarcas urbanas, como Vigo, onde a pesar da leve recuperación recente hoxe traballan 23 mil persoas menos que hai nove anos (un 13% menos). Ou Ferrol (-14%), Ourense (-8%) e Pontevedra (-9%). Pero sobre todo comarcas máis rurais, como Deza (-16%), Terra de Soneira (-16%), Baixa Limia (-21%), Terra de Celanova (-19%) ou O Ribeiro (-19%), que presentan unha gran destrución de postos de traballo dende o 2007.

Podemos observar tamén os datos en relación a decembro de 2011, para atopar aquelas comarcas que experimentaron unha maior recuperación do emprego nos últimos anos e, pola contra, aquelas nas que se seguiron destruíndo postos de traballo. Neste caso, son maioritarias as comarcas que gañan traballadores e traballadoras nos últimos cinco anos, encabezadas polo Barbanza (+12%), Caldas e O Salnés (+7%), Terra de Melide (+5%) e Muros (+4%). Porén, en 25 comarcas galegas seguiuse destruíndo emprego, de forma moi destacada no Ribeiro, Terra de Celanova, A Mariña lucense, Ferrol, Baixa Limia, Sarria, Deza, Terra Cha, Ourense ou Terra de Lemos.

 

Concello a concello

Analizando os mapas coa evolución concello a concello do número de afiliacións á Seguridade Social, obsérvase rapidamente que son moi poucas (11, concretamente) as localidades que incrementaron o seu número de traballadores dende o ano 2007. Destacan, neste senso, San Cibrao das Viñas, Ames, Barbadás, Boiro, Brión ou Melide. No resto do país, o panorama é negativo, destacando os casos de Quiroga, A Baña ou Carnota (cunha perda dunha cuarta parte dos seus postos de traballo) ou Coristanco, Agolada, Forcarei, Ortigueira, Cervo, Mondoñedo ou Ferrol (unha quinta parte).

Dende o 2011, o mapa introduce matices, con algunhas zonas do país que si amosan un importante crecemento do número de postos de traballo, e outras que continúan a tendencia negativa. Boiro, O Grove, Valga, Meaño, A Pobra do Caramiñal, Catoira, A Cañiza ou Ribeira incrementaron nos últimos cinco anos a súa cifra total de empregos en máis dun dez por cento. Pola contra, un bo número de concellos pequenos e rurais seguiron perdendo poboación e postos de traballo, destacando -polo seu maior tamaño- Mondoñedo, Cervo, Ortigueira, Cariño, O Saviñao ou Ferrol.

Incremento ou diminución do número de traballadores en cada concello dende decembro de 2011 ata hoxe Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.