A Xunta cre "un paso necesario" converter Novacaixagalicia nunha fundación especial

Exterior dunha oficina de Novagalicia Banco © NGB

A Xunta aposta tamén pola conversión de Novacaixagalicia nunha fundación de carácter especial, algo que ve “un paso necesario”, tal e como reclaman os traballadores, aínda que aclarou que esa iniciativa deberá xurdir “dos propios implicados”.

Foi a conselleira de Facenda, Elena Muñoz, a que amosou a súa postura a favor, xusto antes da asemblea xeral ordinaria da entidade, que se celebraba aínda este mércores á noite, onde os traballadores da obra social pediron a transformación nunha fundación de carácter especial. Muñoz considera que esta conversión é "necesaria para o desenvolvemento futuro da caixa galega". Respecto aos prazos, apuntou que aínda non foron definidos.

A asemblea xeral convocada onte, e presidida por Mauro Varela, celebrábase en segunda convocatoria a partir das 18 horas e a ela asistiron a metade das 320 persoas convocadas. Nela debatíase tamén sobre as remuneración e indemnizacións dos altos directivos, así como da proposta dos traballadores para a conversión de Novacaixagalicia nunha fundación especial "para adaptarnos aos novos cambios e renovación nos órganos de goberno para afrontar un futuro viable".  Á xuntanza non acudiu a CIG, ao considerar que os membros do consello directivo deberían ter dimitido e disolto a entidade

Ademais, preguntada polas informacións sobre posibles recortes de persoal e oficinas en Novagalicia Banco, a conselleira de Facenda lembrou que se trata dunha "empresa privada" sobre a que a Xunta non ten ningunha competencia. En todo caso, trasladou o apoio do Goberno galego á continuidade de Novagalicia Banco "en solitario" porque permitirá "manter moitos postos de traballo". Así, avogou por que a entidade conte cun proxecto "en Galicia" que sexa "viable e solvente" e "orientado ao sistema financeiro galego e á permanencia dos maiores postos de traballo".

Novagalicia Banco © NGB

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.