A renda per cápita en perspectiva: menor que en 2007, moito maior que en 1995

Evolución da renda per cápita Dominio Público Praza Pública

O blog de análise económica galega A furada do trasno debulla os últimos datos sobre a renda per capita dos países da UE, que indican que España se volve situar por debaixo da media, e compáraos cos de hai 15 anos. A maior parte dos medios fan fincapé hoxe na nova de que a renda per cápita de España, tomando como base a media dos 27, descende seis puntos nos últimos anos (produto da crise), o mesmo que a italiana (-3), a grega (-8), a irlandesa (-21) ou a portuguesa (-2), fronte a un aumento de Alemaña de catro puntos.

"Esta evolución nos últimos cinco anos non debe sorprendernos e vén explicada pola profunda crise que está a sufrir a economía euro, coa excepción de Alemaña, que capea mellor o temporal"

Porén, os autores deste blog prefiren abrir un pouco o foco, e contrapoñer os datos de 2011 cos de 1995: "Como esta evolución nos últimos cinco anos non debe sorprendernos e vén explicada pola profunda crise que está a sufrir a economía euro, coa excepción de Alemaña, que sen ter resultados espectaculares é certo que capea mellor o temporal, parécenos moito máis interesante, diante destes datos, botar a vista un pouco máis atrás". 

Deste xeito, salientan que nunha perspectiva comparada de máis longo percorrido, son os países da periferia da UE os que experimentan un crecemento notable: España (+8) ou Irlanda (+24), mentres que Portugal e Grecia se manteñen. E, en cambio, Alemaña descende nove puntos, o mesmo que o Francia.

"Os países periféricos, en especial Irlanda e España, pero tamén Portugal e mesmo Grecia viron mellorada sensiblemente a súa capacidade de xeración de riqueza"

Os autores do blog sinalan que "o resumo é que nestes dezasete anos perden os países máis ricos, precisamente aqueles que crearon e impulsaron a Unión Europea -Alemaña, Francia, Italia-, mentres que os países periféricos, en especial Irlanda e España, pero tamén Portugal e mesmo Grecia -que gañaba 6 puntos en 2007- viron mellorada sensiblemente a súa capacidade de xeración de riqueza".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.