O SLG denuncia que o prezo do leite segue baixando

Explotación leiteira na Baña © SLG

O Sindicato Labrego Galego denuncia que a baixada continuada no valor do leite en orixe, unida á tendencia alcista dos custes de produción, están deixando as explotacións galegas cun nivel de beneficio cero, e mesmo está facendo entrar en perdas a moitas delas. O sindicato pídelle a Alberto Núñez Feijóo que cumpra os compromisos adquiridos diante da Mesa do Leite do pasado 5 de xuño, e traballe para axilizar ao máximo os trámites da Lei da Cadea Alimentaria, para regular as marxes comerciais. O SLG denuncia a este respecto que as industrias e as distribuidoras estánse enriquecendo a costa de roubarlles as súas rendas aos gandeiros e gandeiras do sector".

O sindicato pídelle a Alberto Núñez Feijóo que cumpra os compromisos adquiridos diante da Mesa do Leite do pasado 5 de xuño

Despois daquela xuntanza, os representantes de Unións Agrarias (UUAA), Sindicato Labrego Galego (SLG) e Xóvenes Agricultores (XXAA) acordaron darlle “unha marxe de confianza” á Xunta polo “compromiso” de Feijóo de trasladar as súas reivindicacións ao Estado. Porén, dende entón, o SLG non advertiu movementos neste senso no Goberno galego, mentres as marxes de beneficio das explotacións continuaban recortándose.

A previsión apunta a que os datos de maio indiquen unha nova baixada de un céntimo, unha tendencia que se podería manter en xuño, situando o prezo por debaixo dos 28 céntimos

O prezo pagado aos gandeiros non parou de baixar dende xaneiro (cando o valor medio era de 31’8 céntimos por litro) e foi caendo en febreiro (31,5 céntimos), marzo (30,9 céntimos) e abril (29,9 céntimos), último mes para o que hai datos oficiais. Porén, a previsión apunta a que os datos de maio indiquen unha nova baixada de un céntimo, unha tendencia que se podería manter en xuño, situando o prezo por debaixo dos 28 céntimos. Isto únese a que o prezo dos insumos, necesarios para a produción, non para de subir. O Índice de Prezos en Alimentación Animal (IPAA) tivo un incremento do 21% no primeiro trimestre de 2012 con respecto ao mesmo período de 2011, debido ao aumento do prezo das importacións de soia de Sudamérica. 

O descenso é máis importante se comparamos os prezos pagados en orixe coas medias de anos anteriores, que en 2007 e 2008 superaba os 36 céntimos. Ademais, foron moitas as ocasións nos últimos tempos nas que os produtores galegos denunciaron a diferenza de prezos pagados en Galicia e noutros lugares do Estado. Calcúlase que o diferencial supera os dous céntimos e é máis grande se a comparación se establece cos prezos pagados en Andalucía (cinco céntimos máis) ou Asturias (tres céntimos máis). Diferenzas máis importante atópanse comparando cos prezos pagados en Holanda ou o Reino Unido, por exemplo.

Explotación leiteira na Baña © SLG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.