0 Gardados para despois

O orzamento da Xunta sobe un 2,9% e supera os 9.000 millóns

Redacción | @prazapublica

A Xunta esgotará para o ano os 9.063 millós de euros do teito de gasto. Así o anunciou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, logo do Consello no que se deu o visto e prazo aos orzamentos autonómicos que, segundo explicou, destinarán a maioría do incremento na súa capacidade a políticas sociais. Serán, para estas partidas, 200 millóns extras dos que 100 achegaranse a sanidade, 25 a política social e 64 ao ensino. 

Feijóo asegura que o orzamento destinará a maioría do incremento na súa capacidade a políticas sociais, 200 millóns extras

"Por segundo ano, estes orzamentos serán expansivos, deseñados para trasladar á sociedade os primeiros beneficios da recuperación", insiste Feijóo, que asegura que as contas "blindan e reforzan os servizos públicos do Estado de Benestar" e "priorizan" esa recuperación económica. 

Nas contas, a previsión da taxa de emprego situarase no 15,4% metnres que o crecemento económico ponse no 2,4%. Ademais, a Xunta di que se axustará a un déficit máximo do 0,5% malia non descartar amplialo ao 0,6%, unha alternativa posible tras o acordo ao que se chegou esta mesma semana no Consello de Política Fiscal e Financeira. 

A Xunta amplía as exencións fiscais á compra de vivenda no rural co obxectivo, di, de fixar poboación

Feijóo quixo destacar tamén as melloras fiscais que incorporan os presupostos e polo que quedarán exentos de impostos de transmisións e actos xurídicos documentados as vivendas habituais que merquen persoas menores de 34 anos e familias numerosas en parroquias con pouca poboación. Unha medida, seugndo o presidente da Xunta, destinada a fixar poboación no rural pero sen que iso supoña limitar os descontos aos concellos con menos de 20.000 habitantes, xa que a medida aplicarase a calquera parroquia e calquera cidadán que cumpra cuns límites de patrimoio. 

O xefe do Executivo compareceu xunto ao conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, que cre que os orzamentos consolidarán "o modelo de crecemento san" e impulsarán o investimento produtivo, ademais de "afondar nas potencialidades do sector primario e a revitalización demográfica". 

O Goberno ponse como obxectivo crear 20.000 novos postos de traballo durante o vindeiro ano

Feijóo, pola súa banda, destacou que "non só se reforzará o investimento en escolas infantís e se manterá a Tarxeta Benvida, senón que tamén se incrementarán os fondos para a atención á dependencia”. Ademais, insistiu na "prioridade" da promoción de emprego de calidade e púxose como obxectivo que Galicia cree 20.000 novos postos de traballo durante o vindeiro ano. 

O presidente da Xunta adiantou que a Consellería de Economía, en parte porque asumirá competencias en industria forestal, será a que máis incremente os seus fondos. E adiantou tamén o incremento nun 21% do investimento destinado ao desenvolvemento e modernización da agricultura e a silvicultura; enun 62% a partida destinada á transformación dos produtos pesqueiros.

O titular de Facenda, ademais, destallou algunha das partidas concretas no ámbito social, como os 7,8 millóns para centros de nenos de 0 a 3 anos e casas niño, 4,4 millóns para as escolas infantís de Mos, Pontedeume, Paderne de Allariz e A Estrada, 161 para o programa de prestacións a familias e 24 millóns para conciliación e dinamización.

Para a renda de integración social (Risga) consígnanse 57,5 millóns, o que supón un incremento de 5 millóns, mentres que para combater a violencia de xénero, o orzamento medra en 1,3 millóns de euros e a contía ascende a 338,2 millóns para a atención á dependencia, un 4,3% máis. 

No ensino, as partidas para infraestruturas educativas soben en 6 millóns e haberá 200 docentes máis para o desdobramento en 3º e 4º da ESO. Tamén se prevén 1,4 millóns máis para os comedores escolares e 2,5 máis para as axudas á adquisición de material escolar. 

Alén disto, a información, orientación e busca de emprego contará con 12,6 millóns de euros, a formación de desempregados con 80 (12,4% máis) e a de ocupados, 113, o que supón 4,8 millóns máis. O orzamento de 2017 para universidade, pola súa banda, alcanza os 404 millóns, 12 millóns máis que no ano pasado. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.