Os estaleiros de Vigo "en situación crítica a pesar dos anuncios electorais", segundo a CIG

Persoal dos estaleiros vigueses © CIG

A federación de Industria da CIG denuncia "a situación crítica que atravesan os principais estaleiros da Ría de Vigo a pesar das promesas electorais que anunciaban carga de traballo para os vindeiros anos". O sindicato sinala que "unha vez rematadas as eleccións os proxectos esfumáronse deixando as gradas sen actividade e abocando as empresas aos ERE".

"Unha vez rematadas as eleccións os proxectos esfumáronse deixando as gradas sen actividade e abocando as empresas aos ERE"

Dende a central lembran que" xa en 2012 o PP utilizaba como propaganda electoral para continuar na Xunta unha multitude de anuncios de carga de traballo para o estaleiro entre eles o famoso flotel”. Posteriormente, en decembro de 2013 presentaban “a bombo e platillo” a entrada de Pemex como socio maioritario na empresa e prometían carga de traballo para varios anos coa construción dun atuneiro para a compañía Procepsa, ademais dun buque abastecedor e de tres buques tanque. Tres anos despois todos eses proxectos “esfumáronse” e tan só se fixo o flotel, que vén de ser recollido polo director xeral de Pemex, acto no que aproveitou para confirmar a anulación de calquera construción pendente, “certificando as sospeitas que tiñamos na CIG de que non había nada detrás do anuncio electoral do flotel”, engaden.

“A única realidade nestes momentos é que o estaleiro máis importante da Ría de Vigo queda sen actividade e coa ameaza dun ERE á espera da posíbel confirmación da construción dun minicruceiro de luxo que leva meses anunciándose sen data”, denuncia CIG-Industria, que sinala que confirmándose en datas próximas a chegada deste proxecto a Barreras "non se poderá evitar o peche da empresa durante varios meses".

“A única realidade nestes momentos é que o estaleiro máis importante da Ría de Vigo queda sen actividade e coa ameaza dun ERE á espera da posíbel confirmación da construción dun minicruceiro de luxo que leva meses anunciándose sen data”

Tamén salientan a situación en Factorías Vulcano. “Un día antes das eleccións anuncian a contratación das obras de finalización do ferri rescatado de Sevilla, que levaba tres anos apodrecendo no peirao; pero mes e medio despois segue sen asinarse o contrato, o que está a xenerar dúbidas sobre a súa realización". Engaden que a un mes do remate do último ERE asinado "este buque é a última esperanza que ten o estaleiro de evitar o peche, polo que agardemos que non quede novamente en propaganda electoral”.

 

Persoal dos estaleiros vigueses © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.