BNG e sindicatos insisten en esixir que NCG sexa unha Fundación cunha nova dirección

Julio Gayoso, Alberto Núñez Feijóo e Mauro Varela © Xunta

O BNG presentou no Parlamento, a través de Carlos Aymerich, unha proposición non de lei que solicita "promover con carácter inmediato os cambios legais presisos para remover os vellos directivos de Caixanova e Caixagalicia da dirección de NCG". Así mesmo, pide "promover a conversión de NCG nunha fundación especial dirixida por unha equipa profesional e completamente allea á vella dirección das caixas e da obra social". Finalmente insta a "asegurar o mantemento do plantel e da obra social de NCG, centrándoa nas necesidades sociais e culturais reais de Galicia".

Aymerich salienta que a conversión en Fundación Especial non depende dunha petición do Consello de NCG

Na súa proposición, Aymerich salienta que a conversión en Fundación Especial non depende dunha petición do Consello de NCG, como afirmou a conselleira de Facenda. Pola contra, o único que é preciso é unha reforma da lexislación galega de fundacións.

A petición do BNG coincide coa realizada polos dos representantes do persoal (de CCOO, UGT, FSIE, ASCA e Independentes) de Novacaixagalicia á Asemblea Xeral

A petición do BNG coincide coa realizada polos dos representantes do persoal (de CCOO, UGT, FSIE, ASCA e Independentes) de Novacaixagalicia á Asemblea Xeral, nun documento titulado Transformación para adaptarnos aos novos cambios e renovación para afrontar un futuro viable. Os representantes sindicais. Os sindicatos solicitan que se cree unha mesa de traballo coa Xunta de Galicia para promover a transformación da Caixa nunha Fundación especial, "polo custo inasumible dos órganos de goberno nas actuais circunstancias económicas de Novacaixagalicia", e explican que en 2012 cada reunión mensual do Consello de Administración tivo un custo aproximado aos 20 mil euros, e o custo anual dos órganos de goberno equivale ao custo aproximado de 20 postos de traballo ou axudas a máis de 20 ONGs. De igual xeito, lembran que "hai máis membros nesta asemblea de 320 persoas que traballadores, somos 257".

De igual xeito, solicitan a saída dos actuais directivo e a súa substitución "por un padroado formado por profesionais independentes e de recoñecido prestixio no sector social, cultural e empresarial que contribúan a orientar a misión da futura Fundación". Finalmente, piden "o mantemento dos postos de traballo e a supervivencia da obra social ao servizo de Galicia".

Julio Gayoso, Alberto Núñez Feijóo e Mauro Varela © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.