O Supremo ratifica os tribunais galegos: os preferentistas deben recuperar os cartos, pero pagar xuros

Afectados polas preferentes, nunha protesta CC-BY-NC-SA BNG

Os bancos deben devolver aos clientes o investimento das preferentes no caso de nulidade destes produtos e os clientes deberán devolver os rendementos e máis os xuros aboados pola entidade financeira. Veno de asegurar o Supremo logo de que a sala primeira do alto tribunal estimase un recurso de casación interposto por NCG Banco contra unha sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra, da que se anulou parte. O ditame é, no entanto, unha achega e aclaración máis ao conflito destes produtos tóxicos e establece un proceder que xa se vén levando a cabo -agás excepcións como a anterior- nas audiencias provinciais galegas desde finais de 2013 e principios de 2014 nos casos que afectan os devanditos produtos. 

O Supremo aclara que os bancos deben devolver aos clientes o investimento das preferentes no caso de nulidade e os clientes, rendementos e xuros

En realidade, nesta sentenza aparentemente salomónica estase a aplicar o principio de mutua restitución de prestacións e os efectos derivados da nulidade contractual de participacións preferentes, ambos os dous baseados no que establece o artigo 1303 do Código Civil: "Declarada a nulidade dunha obriga, os contratantes deben restituírse reciprocamente as cousas que fosen materia do contrato, cos seus froitos, e o prezo dos xuros". 

Malia iso, a sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra, agora anulada en parte, obrigaba ao banco a restituír o importe do investimento realizado por uns clientes de preferentes, e aos preferentistas a devolver os rendementos pero non os xuros. Foi unha evolución na abundante xurisprudencia que en numerosas sentenzas do Supremo xa advertían que o obxectivo final tiña que ser conseguir que as partes afectadas volvan ter a situación persoal e patrimonial anterior ao evento invalidador.

A sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra foi contra a xurisprudencia xeral nestes casos e en contra da conclusión dos maxistrados galegos

Pero foi tamén en contra da conclusión que os maxistrados e maxistradas das audiencias galegas, nunhas xornadas sobre preferentes de finais de 2013, establecían e nas que aclaraban que "a restitución de prestacións como efecto da ineficacia do contrato que poida declararse suporá a devolución por parte do adquirinte dos xuros percibidos, e por parte da entidade financeira, do capital investido máis o interese legal do diñeiro". Así o lembra tamén Xoán Antón Pérez-Lema, avogado especialista nestes casos sobre produtos tóxicos financeiros, que asegura que esta nova achega do Supremo "tan só aclara algo que xa era aplicado en Galicia e que si é certo que non era igual de ben especificado noutros casos"

No caso refererido, os demandantes solicitaran a nulidade dos contratos de subscrición duns produtos financeiros por erro de consentimento e a restitución do total capital desembolsado. Aquela sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra admitira a demanda, declarara a nulidade dos contratos e condenara a entidade a reintegrar o capital cos xuros legais dende as respectivas datas de subscrición dos produtos, con dedución das cantidades percibidas polos investidores durante os anos de vixencia dos contratos en concepto de rendibilidade dos produtos.

Non obstante, a sentenza de primeira instancia non condenou ao pagamento dos xuros polas cantidades percibidas polos clientes como rendementos. NCG Banco presentou recurso de apelación, que foi rexeitado, e acudiu ao Supremo. Daquela, o alto tribunal acordou manter os pronunciamentos da sentenza da Audiencia Provincial, pero engade que os demandantes teñen que devolver á entidade bancaria os títulos litixiosos ou o percibido do FROB polo seu troco, se tivese lugar, e que a restitución das cantidades percibidas polos investidores como rendementos incluirá o interese legal xerado dende a súa percepción. O obxectivo, como aclara o alto tribunal, é "impedir, en todo caso, que queden en beneficio dun dos contratantes das pretacións recibidas do outro". 

Interior da sede do Supremo © Tribunal Supremo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.