0 Gardados para despois

"Apostamos por boas prácticas só dende o individual, pero cómpre facer un razoamento en clave colectiva"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O pasado 23 de abril A Estrada acolleu as xornadas "Presente e futuro enerxético de Galiza no contexto europeo", organizadas por AGEe, nas que participaron distintos expertos e expertas na materia, representantes de diferentes cooperativas enerxéticas, así coma representantes políticos no Parlamento europeo (Lidia Senra), Congreso (Alexandra Fernández) e Parlamento galego (Antón Sánchez ou Juan Manuel Fajardo). O contido desa xornada ve agora a luz en forma de libro, que recolle os distintos relatorios e debates que alí tiveron lugar, unha publicación que se pode descargar da rede e da que tamén se imprimiron un total de mil exemplares.

O libro pretende ser o primeiro dunha serie de documentos temáticos nos que se analice a situación de diferentes sectores e aspectos socio-económicos da actualidade e nos que se recollan os relatorios das persoas expertas nas materias que foron participando nos últimos anos en xornadas de formación e debate organizadas por AGEe. Neste caso concreto búscase fomentar o debate na sociedade ante unha situación de “insustentabilidade e necesaria transición enerxética” e, igualmente, achegar os debates que se están dando no Parlamento Europeo sobre esta cuestión.

Neste senso, Lidia Senra denuncia que “as medidas que toman tanto a Comisión como o Consello Europeo teñen como fondo a perspectiva das políticas neoliberais. É dicir, favorecer os intereses das grandes empresas e non ter en consideración que calquera medida seria que se queira desenvolver ten que pasar por ter en conta os límites do planeta, por reducir o consumo de enerxía e por definir unha política enerxética en base ás necesidades reais da sociedade e que poña fin á pobreza enerxética"

No libro podemos ler as intervencións de do profesor de Economía Aplicada da USC e vicepresidente de Véspera de nada, Xoán Doldán; do enxeñeiro técnico de electricidade e encargado de monitorización das políticas de seguridade enerxética da UE no Observatori del Deute en la Globalització, o catalán Alfons Pérez; da doutora en Economía pola USC e profesora de Economía Aplicada na Universidade da Coruña, Rosa Regueiro; da doutora en Economía e profesora da Universidade Carlos III de Madrid, Natalia Fabra; e tamén de representantes das directivas de diferentes cooperativas enerxéticas, como Ana Marco e Daniel Espiñeira, de Son Enerxía; Pablo Álvarez de Nosa Enexía; e Santiago Ochoa de Eribe, de Goiener.

E, ademais, de Miguel Pardellas, investigador da USC, asesor en procesos de educación e participación ambiental e membro de Verdegaia, que presentou un relatorio titulado "O modelo enerxético. Insustentabilidade e transición enerxética. Unha lectura desde os movementos sociais e a educación". Pardellas destaca a importancia de publicacións coma esta, un texto "sinxelo, que pode chegar a públicos distintos" e que permite que os contidos deste tipo de xornadas se difundan. "Neste tipo de encontros a participación nunca é demasiado alta e ao final asistimos unicamente convencidos e convencidas. Contar cun texto é un pasiño positivo para difundir estas cousas a outros públicos", di.

"De que nos serve apostar polas renovables se as renovables seguen nas mans das grandes transnacionais enerxéticas? Esa debe ser a liña: apostar por un cambio de modelo, pero descentralizado, cunha tecnoloxía que non estea só nas mans das grandes empresas"

Na túa intervención criticabas a falta dun debate de fondo, non xa sobre formas alternativas de produción enerxética, senón sobre todo sobre formas distinta de consumo...

Unha das cousas nas que todo o mundo está de acordo, incluídas as grandes compañías e as institucións internacionais, é que o modelo actual é insostible en todas as súas variables. A cuestión é por que apostamos agora, sabendo que o que temos agora non pode continuar por puro esgotamento. Dende os movementos sociais, dende a sociedade organizada máis crítica co modelo actual, temos que facer unha lectura un pouco máis completa e integral de cal é a problemática. A reflexión sería: 'de que nos serve apostar polas renovables se as renovables seguen nas mans das grandes transnacionais enerxéticas?'. Esa debe ser a liña: apostar por un cambio de modelo, pero descentralizado, cunha tecnoloxía que non estea só nas mans das grandes empresas. E cun elemento comunitario: a alternativa ten que vir pola vía do colectivo, da comunidade. Eu teño criticado que dende o movemento ecoloxista en moitas ocasións pecamos (e inclúome) de apostar por boas prácticas pero só dende o individual, dende a persoa, dende a familia. E cómpre facer un razoamento en clave colectiva e comunitaria, buscar outra forma de vivir e de relacionarse.

"[As cooperativas enerxéticas] están sendo capaces de mobilizar a moitas persoas que queren apostar por outra cousa, a pesar de todos os atrancos que están tendo que afrontar, que son moitos"

Está habendo iniciativas, por exemplo as cooperativas eléctricas que tamén estiveron presentes nestas xornadas, que si fan unha aposta por promover alternativas de produción e de descentralización. Como as valoras? Son aínda illas, moi febles, nun escenario dominado polos grandes grupos?

Se vemos con perspectiva estas iniciativas, vemos que están sendo capaces de mobilizar a moitas persoas que queren apostar por outra cousa, a pesar de todos os atrancos que están tendo que afrontar, que son moitos, comezando polo marco lexislativo. Están sendo capaces de desenvolverse, mesmo tendo que competir con ese oligopolio eléctrico que ten moitísima máis forza, e están creando unha estrutura moi interesante dende o punto de vista social. Unha das cousas máis salientables é que están realizando unha lectura integral e a aposta de todas estas cooperativas enerxéticas comeza pola redución. E todo feito con moito voluntarismo, é moi digno de eloxio.

"Ás veces seguimos buscando esas grandes estruturas clásicas, pero creo que agora hai moitas pequenas cousas, xerando unha importante masa crítica capaz de autoorganizarse e de facer as cousas doutra maneira"

Está habendo un certo cambio de mentalidade nalgúns sectores sociais, virando cara ás alternativas do decrecemento e da produción e consumo de proximidade. Este proceso estase producindo de maneira demasiado lenta, tendo en conta os límites do planeta?

Pódenos parecer que estes cambios se producen de forma moi lenta. Pero dende logo a responsabilidade da lentitude non é das persoas que estamos tentando cambiar o modelo. A responsabilidade da lentitude recae sobre todo en gobernantes que e están negando a enfrontarse a un enorme problema. En relación á velocidade dos cambios, hai que relativizar unha cousa: a diferenza doutros movementos que puido haber noutro momento, estas son iniciativas moi descentralizadas. É dicir, están sucedendo sen que nos deamos conta. Hai moitas iniciativas a moi pequena escala e é moi difícil seguirlle a pista a todas, polo seu enorme grao de descentralización e tamén pola carencia dunha certa estrutura. Son iniciativas moi líquidas, case gaseosas, aparecen, actúan durante un certo tempo e despois transfórmanse noutra cousa. E falo dende cooperativas de consumo, de explotacións agroecolóxicas ata bancos de tempo... Son frescas e descentralizadas e se cadra teñen a desvantaxe de carecer dunhas estruturas que lles dean máis forza. Pero o interesante é que están aí e que hai moitas. Ás veces seguimos buscando esas grandes estruturas clásicas, pero creo que agora hai moitas pequenas cousas, xerando unha importante masa crítica capaz de autoorganizarse e de facer as cousas doutra maneira.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.