0 Gardados para despois

A Xunta gasta 3 millóns de euros na compra de accións de Gas Galicia

Redacción | @prazapublica

A Xunta pechou a compra dunha parte das accións de Gas Galicia que posuía Abanca, que se desfai da súa participación, e gastará ao redor de 2,8 millóns de euros na adquisición, pasando a contar co 30,9% do total da compañía, na que Gas Natural Fenosa segue a ser o accionista maioritario (68,5%). Gas Natural Fenosa fíxose co resto das accións que ata agora correspondían a Abanca por 6,2 millóns. O 0,6% restante é propiedade do Concello da Coruña.

Gas Galicia dedícase á expansión da rede de gas por toda a comunidade autónoma, dando servizo a ao redor de 263.000 clientes e clientas en 73 concellos de todo o país. "Esta operación reforzará o proxecto de crecemento que Gas Natural Galicia ten para os vindeiros anos", salientou nun comunicado o delegado xeral de Gas Natural Fenosa en Galicia, Manuel Fernández Pellicer.

No último ano o Goberno galego levou a cabo varias compras de accións en distintas empresas. Por exemplo, o pasado mes de febreiro fíxose con case un 7% das accións que Gas Natural Fenosa en Reganosa, acadando o 24,31% da composición accionarial da compañía, na que o Grupo Tojeiro é accionista maioritario (50,69% do total). De igual xeito, en outubro acadou o 49,65% do capital de Meisa, a empresa propietaria da estación de esquí de Cabeza de Manzaneda, da que a Deputación de Ourense posúe un 49,45%.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.