0 Gardados para despois

Case o 90% dos contratos a mulleres no pasado mes foron no sector servizos

Redacción | @prazapublica

O pasado decembro, formalizáronse en Galicia 71.509 contratos laborais, un descenso do 6% respecto do mes anterior segundo os datos do paro rexistrado que revelaron que o país liderou a suba do desemprego no último mes do ano. Nunha época de campañas de Nadal e auxe da hostalería, o sector servizos acapara a maioría das contratacións e asenta un modelo económico moi enfocado no turismo, a restauración e o comercio. As mulleres son neste caso as máis afectadas por uns empregos xeralmente precarios e efímeros. 

Así, case o 90% dos contratos que se lles fixeron ás mulleres no pasado mes de decembro foron no sector servizos, concretamente o 86,9% do total. O resto -case exclusivamente- na industria, cun 12%, mentres que construción e agricultura e pesca apenas superan o 1% conxuntamente. A proporción muda de repararmos na contratación masculina, cun 71% en servizos, 18% na industria, 7,2% na construción e 3,7% en agricultura e pesca, segundo o informe dos datos do paro que achega a Consellería de Emprego.  

No caso das mulleres, dese total de contratos a inmensa maioría (preto da metade) corresponde ao grupo ocupacional que inclúe traballadoras dos servizos de restauración, persoais, protección e vendedoras. En definitiva, hostalería e comercio principalmente. O resto de contratos acumúlanse nas denominadas ocupacións elementais (limpadoras, axudantes de cociña, vendedoras ambulantes ou recolectoras de lixo). 

Arredor do 75% das contratacións son no comercio, a hostalería ou a limpeza, os grupos de ocupación peor pagados

Entre ambos grupos de ocupación suman arredor do 75% das contratacións, precisamente nos empregos con peores salarios segundo as estatísticas que cada pouco achega o IGE. 

Así, en total entre homes e mulleres, dos máis de 71.000 contratos que se formalizaron en Galicia no pasado mes de decembro, 24.034 centráronse na restauración e no comercio mentres que, por poñer tan só un exemplo, tan só 582 se levaron a cabo en traballos cualificados no sector agrícola, gandeiro, forestal e pesqueiro. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.