"O traballo grupal en espazos de coworking mellora a calidade dos descansos"

Inauguración de 'Espacio Nido', a pasada semana Dominio Público Praza Pública

O pasado sábado 14 de xaneiro celebrouse a inauguración do Espacio Nido Compostela, un novo espazo de coworking en Santiago de Compostela, situado no baixo do número 38 da rúa Romero Donallo. É un local de coworking e eventos, que nace froito da experiencia no Espacio Nido Vigo, primeiro espazo deste tipo que abriu na cidade olívica e do que partiron proxectos colaborativos coma o webdoc Fai Rúa sobre a vida e historia do casco vello alto de Vigo ou a editorial Catro Ventos. A flexibilidade do local tamén permite ser anfitrión de todo tipo de eventos, dende pequenas reunións ata presentacións de 40 persoas. Falamos cos seus responsables.

Por que decidistes poñer en marcha un novo local en Compostela, trala experiencia do espazo de Vigo?

A decisión en realidade partiu dunha necesidade persoal, a de ter un lugar onde traballar. Levo colaborando como aparellador do estudio Arquétipos de Vigo dende hai uns anos, pero mantendo o meu lugar de residencia en Compostela. Dáse a circunstancia de que os arquitectos do estudio son tamén parte do equipo de xestión do Espacio Nido de Vigo e cando teño que ir traballar alí, fágoo no coworking, e o resto do tempo estaba traballando dende a casa. Xurdiu a posibilidade de coller un local en Compostela (no que agora estamos) e decidimos que era unha boa oportunidade para ampliar a marca, tendo en conta a necesidade da que falaba e a experiencia positiva de traballo durante estes anos no coworking de Vigo.

"Non existe un perfil específico, calquera, incluso os que xa teñen o seu propio despacho, pode tirar proveito das vantaxes que ten establecer o seu lugar de traballo nun entorno colaborativo como o que se proporciona nun coworking"

A que tipo de público vos dirixides?

Podería parecer que o público potencial son os autónomos e profesionais cunhas necesidades similares ás que antes mencionaba, non só pola vantaxe de ter un sitio onde traballar, senón tamén por ter un lugar onde recibir aos clientes. Sen embargo, non se limita só a iso, non existe un perfil específico, calquera, incluso os que xa teñen o seu propio despacho, pode tirar proveito das vantaxes que ten establecer o seu lugar de traballo nun entorno colaborativo como o que se proporciona nun coworking.

Que servizos ofrecedes?

Nós alugamos postos de traballo individuais por 130 € mensuais, tamén temos a opción de mesa compartida para empresas de dúas persoas por 200 €. Dentro desas mensualidades incluímos todo o necesario dende luz, auga, internet ata o dereito ao uso da sala de reunións. Ademais, a flexibilidade do local permítenos ofrecer un espazo onde celebrar reunións externas ou eventos as fins de semana, sempre coa premisa de non interferir na actividade principal, que é a de coworking.

"Antes os interesados eran na súa grande maioría freelance e agora estanse achegando a este modelo todo tipo de empresas, incluso algunha de máis de 10 traballadores"

En base á traxectoria e á experiencia que xa tedes, credes que o funcionamento dos espazos de coworking mudou nos últimos anos? Hai máis xente interesada? Mudou o tipo de usuarios/as e as súas necesidades?

Como en todo, houbo mudanzas nas formas de traballar, cada vez máis empresas están solicitando formar parte das comunidades de coworking porque lles serven de plataforma para mellorar as súas relacións profesionais e persoais. Antes os interesados eran na súa grande maioría freelance e agora estanse achegando a este modelo todo tipo de empresas, incluso algunha de máis de 10 traballadores.

"A relación con profesionais doutros campos, favorece a creación de proxectos conxuntos interdisciplinares"

Credes que as persoas que optan por traballar nun espazo de coworking obteñen beneficios coma a xeración de sinerxias, proxectos conxuntos, contactos, interrelacións con outras disciplinas... (ademais do aforro económico e de ter un espazo para a súa actividade profesional)?

Dende a nosa experiencia, podemos constatar que traballar nun espazo de coworking permite estar en contacto con máis xente, de feito, existen estudos que indican que se fan un maior número de contactos positivos, o que implica evidentemente un aumento na facturación. Por outro lado, a relación con profesionais doutros campos, favorece a creación de proxectos conxuntos interdisciplinares: exemplo disto son algúns dos proxectos que se desenvolveron no Espacio Nido de Vigo como o webdoc Fai Rúa sobre a vida e historia do casco vello alto de Vigo ou máis recentemente, varios dos “anidados”, como nos chamamos, lanzaron unha pequena editorial en galego chamada Catro Ventos. Por último, e non menos importante aínda que ás veces o poida parecer, este modelo de traballo grupal en espazos de coworking mellora a calidade dos descansos, xa que cousas tan sinxelas como as reunións no café da mañá ou despois do horario de traballo, axudan tanto a desconectar como tamén a coñecer ao resto dos coworkers a nivel profesional e persoal.

 

O local está na rúa Romero Donallo de Santiago de Compostela © Espacio Nido
Un dos espazos de traballo do local © Espacio Nido

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.