Novagalicia deberá segregar os seus activos tóxicos nun 'banco malo'

De Guindos, ante a prensa © Ministerio de Economía

Haberá banco malo onde se evacuarán os activos tóxicos dos bancos que acudan ao rescate da UE, entre eles Novagalicia. A entidade galega, xunto con Bankia, Catalunya Caixa e o Banco de Valencia, terá que presentar un plan de reestruturación, así como as medidas que levará a cabo para segregar estes activos tóxicos, tal e como vén de aclarar Luis de Guindos, ministro de Economía, que lembrou que a opción do devandito banco malo sempre foi a preferida pola Comisión Europea.

A UE esixirá condicións a todo o sector financeiro pero vixilará máis de preto as entidades que acudan ao rescate

Ademais, De Guindos, durante a súa intervención na Comisión de Economía, confirmou tamén que Europa esixirá condicións a todo o sector financeiro para recibir a axuda de até os 100.000 millóns e non só ás entidades que reciban os fondos que, no entanto, deberán ademais segregar os seus activos tóxicos.

De Guindos preocupouse moito tamén de especificar que o rescate europeo non implica condicións macroeconómicas e que estas serán “específicas para o sector financeiro”. Todo, malia os anuncios de máis recortes anunciados xa polo presidente do Goberno.

Ademais, e en canto as condicións que se imporán á banca, o ministro aclara que é “unha negociación longa que require tempo”, polo que aínda non están decididas, aínda que asegura que serán mellores que as que tería que asumir o FROB se tivese que financiarse no mercado. As entidades intervidas ou que xa recibiron cartos do FROB, como Novagalicia Banco, concentrarán a axuda europea e asumirán, xunto co resto do sector financeiro, medidas para “fortalecerse e corrixir os desequilibrios”.

Novagalicia Banco © NGB

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.