Concellos e sindicatos critican a pasividade de Xunta e Ministerio na loita contra a couza da pataca

Couza da pataca © http://www.lahuertinadetoni.es/

31 concellos galegos, das comarcas de Ferrolterra e A Mariña, están afectados pola couza da pataca. Nestas 31 localidades é obrigatorio retirar do terreo e destruír todos os tubérculos danados e está prohibida comercialización das patacas cultivadas. A situación tamén empeorou en Asturias, onde xa son 11 os concellos nos que o Goberno autonómico vixía as plantacións de pataca: San Tirso, Vegadeo, Castropol, Taramundi, Navia, Valdés e Cudillero e, dende agora, Tapia, El Franco, Coaña e Villayón. Nestas localidades, as persoas que plantaran ou queiran plantar pataca deberán comunicarllo á administración. O Ministerio de Agricultura aínda non aprobou o decreto que leva semanas preparando e que xa remitiu aos gobernos autonómicos para que presentasen alegacións. Este texto, previsiblemente, prohibirá plantar pataca nas zonas afectadas durante dous anos.

O Ministerio previsiblemente prohibirá plantar pataca nas zonas afectadas durante dous anos

Hai uns días José Ramón González (Unións Agrarias) pedía evitar a "alarma social e mediática" sobre este asunto, pois polo de agora a praga afecta a zonas moi delimitadas en concellos nos que se cultiva maioritariamente para o autoconsumo, pero reclamáballe ao Goberno galego "medidas rápidas e eficaces xa para frear a extensión" do problema, "xerado pola ineficacia das medidas que a Xunta tomou no ano 2015". Ao redor do 98% da produción das zonas que neste momento están afectadas pola couza dedícase ao autoconsumo. O Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia pediu nos últimos días que "non xorda unha alarma inxustificada" no sector na Limia, a principal comarca produtora. A entidade manterá nas vindeiras semanas xuntanzas informativas cos e coas responsables de explotacións das distintas zonas do país.

 

O SLG critica a "pasividade" de Medio Rural

SLG: "En boa parte da zona afectada a pataca de cedo estase a cultivar xa porque non houbo ningún aviso oficial que cominase a facer o contrario"

Pola súa banda, o Sindicato Labrego Galego criticou nos últimos días "a confusión total que está a xerar a pasividade da Consellaría de Medio Rural á hora de abordar esta problemática". "En primeiro lugar, Medio Rural dá a entender que, agora mesmo, o único que está prohibido é vender pataca fóra das zonas afectadas pola praga, recomendándose non cultivar. Mais, por outra banda, o Ministerio de Agricultura está preparando un decreto no que se imporá a prohibición de sementar", din. O SLG lembra que "en boa parte da zona afectada a pataca de cedo estase a cultivar xa -faise tradicionalmente entre xaneiro e febreiro- porque non houbo ningún aviso oficial que cominase a facer o contrario. Desta maneira, o decreto do Ministerio prohibindo o cultivo podería chegar cando boa parte das patacas xa estean plantadas".

"Esta pasividade da Xunta levou a que esta praga, que xa se detectara o ano pasado cando afectaba só cinco concellos, se teña estendido agora a 31 municipios. E seguirase estendendo se non se actúa inmediatamente, xa que agora mesmo, tal e como dixemos, estase a plantar pataca a pesares dunhas recomendacións que non foron comunicadas", denuncia. "O peor é que as consecuencias de todo isto vanas pagar os labregos e labregas, coma sempre, xa que a maioría xa mercaron a semente a pesares de que a Xunta coñecía dende o ano pasado a existencia do problema. Todos eses cartos investidos en semente, agora perderanse", conclúe o sindicato, que este martes pedirá no Consello Agrario "indemnizacións e apoios económicos para a xente afectada".

 

Críticas dos partidos da oposición

Para Villares, a acción da Xunta para frear a praga foi "errática e sempre a remolque, sen tomar unha soa decisión efectiva para que os danos fosen os menores posibles"

En Marea pediu este luns "un control rigoroso da praga, coas medidas necesarias para evitar que siga a súa propagación" e, ademais, esixiu "organizar un sistema de indemnizacións que teña en conta as perdas causadas pola praga e polas medidas para erradicala, desde os produtores ata o autoconsumo". A formación tamén propón crear un censo das fincas afectadas por esta praga, como se realizou xa en producións asturianas, para coñecer con precisión cales son os danos que está causando o verme en Galicia. Luís Villares sinalu que a acción da Xunta para frear a praga foi "errática e sempre a remolque, sen tomar unha soa decisión efectiva para que os danos fosen os menores posibles".

O PSdeG pediulle á Xunta que "tome a bandeira da loita contra esta especie diante da pasividade do Executivo central"

O PSdeG-PSOE denunciou o pasado venres no Parlamento que a “miopía institucional” diante da praga da couza guatemalteca pode provocar “danos irreparables” na produción de pataca galega. O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, José Antonio Quiroga, pediulle á Xunta que "tome a bandeira da loita contra esta especie diante da pasividade do Executivo central" e “non repita o seu hábito de repartir responsabilidades entre o goberno e os concellos co único obxectivo de non facer nada”. Os socialistas reclámanlle ao Goberno galego que poña en marcha un Plan de Investigación coa Universidade para desenvolver medidas axeitadas para controlar e erradicar a praga. Ademais, demanda "as partidas orzamentarias precisas" para atender aos afectados e cubrir danos futuros, así como unha campaña de información dirixida aos grandes e pequenos produtores.

 

"Quizais non saiban en Madrid que a meirande parte da semente xa está mercada"

Fernando Suárez criticou "a tardanza coa que están a tomar medidas para facer fronte a esta problemática" que Suárez cualificou de "desgraza" e sobre a que advertiu que "vén para quedar"

As críticas chegan tamén dende algúns concellos. O pasado venres o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez (BNG), solicitoulle ao Goberno central e á Xunta de Galicia que tomen "medidas inmediatas diante da praga de couza guatemalteca que lle afecta á produción de pataca do agro mariñán". O rexedor criticou "a tardanza coa que están a tomar medidas para facer fronte a esta problemática" que Suárez cualificou de "desgraza" e sobre a que advertiu que "vén para quedar", lembrando que nas Illas Canarias levan dez anos sen poder plantar patacas. Suárez denuncia que “tanto o goberno da Xunta como o goberno do Estado sabendo isto dende hai tempo, reaccionaron moi tarde. É tempo pois de recuperar todo este tempo perdido”.

Para Fernando Suárez “este é un tema de actualidade que está preocupando a moita xente, que nos preocupa moitísimo a nós. Nestes días recibo aquí na Alcaldía a moita xente que me pregunta e me pide que os aconselle sobre se deben plantar patacas ou non”. Neste senso, o alcalde de Ribadeo pídelle á Xunta a organización de charlas en todos os concellos afectados. "En Ribadeo xa o solicitamos hai varios días, para que os técnicos informen á cidadanía sobre como actuar diante desta desgraza”, di.

"Quizais en Madrid non saben que aquí se labran as patacas de cedo e as patacas de tarde, quizais non saiban en Madrid que a meirande parte da semente xa está mercada e xa está nas casas dos labregos"

O rexedor tamén criticou a tardanza do Ministerio de Agricultura en publicar o decreto que leva semanas anunciando. "Como para outras cousas, o Ministerio atópase moi lonxe de aquí, moi lonxe das angustias e das preocupacións das xentes do agro. Porque quizais en Madrid non saben que aquí se labran as patacas de cedo e as patacas de tarde, quizais non saiban en Madrid que a meirande parte da semente xa está mercada e xa está nas casas dos labregos, ou daqueles que non sendo lábranas para o seu autoconsumo, e que están desesperados e preocupados porque agora non saben qué facer”. Fernando Suárez engadiu que “se lles está dicindo que se recomenda non labrar, que dentro dunhas semanas sairá un decreto que o prohibirá, pero desde que se leva dicindo ata que no futuro se prohiba, a xente non sabe que facer con estas patacas. Urxe polo tanto que se aclaren as medidas de xeito inmediato e non nas próximas semanas”.

 

Medio millón de toneladas

No ano 2015 Galicia produciu 505.182 toneladas de pataca nunha superficie de 19.348 hectáreas, segundo os datos recollidos polo Ministerio de Agricultura. Porén, en boa parte do país, o cultivo dedícase ao autoconsumo. Segundo publicou a Consellaría de Medio Rural en 2007, o 56% da produción non se comercializaba, unha porcentaxe que era maior en Lugo (65%), A Coruña (62%) e Pontevedra (62%) e minoritaria en Ourense (36%).

A provincia ourensá é, ademais, a que máis cantidade produce cada ano (máis do 40% do total) e a que máis superficie lle dedica a este cultivo. A Limia dedicoulle en 2015 máis de 3 mil hectáreas á pataca, case triplicando a Bergantiños. Allariz-Maceda, Terra Cha, Lugo e O Salnés achegáronse ás mil hectáreas.

O mesmo sucede ao falarmos da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia, que aínda que conta con catro subzonas (Bergantiños, Terra Cha-A Mariña, A Limia e Lemos), recolle a maior parte da súa produción da comarca limiá.

Expansión en Galicia da couza da pataca Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.