0 Gardados para despois

As sete cidades galegas suman case 90 mil vivendas baleiras

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


En 2011 había case 300 mil vivendas baleiras en Galicia, segundo datos do Censo publicado ese ano. As sete cidades galegas sumaba case 90 mil, encabezadas pola Coruña (19.283), Vigo (18.588) e Ourense (14.561), aínda que outros concellos como Vilagarcía, Arteixo, Ames, Ribeira, Carballo, Foz, Lalín, Narón ou Culleredo rexistraban cada un máis de tres mil inmobles deshabitados.

Nos datos chamaba a atención que unha porcentaxe moi importante desas casas, unha de cada catro (máis de 75 mil) tiñan menos de dez anos de antigüidade. Outros 52 mil foran construídos nos 80 e 90. E 42 mil precedían da outra décadas de intensa actividade inmobiliaria, os 70.

Esta estatística permitía comprobar o intenso ritmo construtor nalgunhas localidades en tempos recentes. Por exemplo, máis da metade das vivendas de Ames (8.227 de 16.176) tiñan naquel momento menos dunha década de antigüidade. E a porcentaxe chegaba ao 59% en Barreiros, ao 55% en Maceda ou ao 65% en Ponte Caldelas.

Neste mapa pode observarse a porcentaxe que en cada concello representan as vivendas deshabitadas. Malia a súa importancia cuantitativa non son as zonas urbanas as que rexistran un maior peso relativo dos inmobles baleiros, senón concellos rurais como Porqueira, Castrelo de Val ou Melón, nos que ao redor do 40% das vivendas están desocupadas, seguramente por un fenómeno de despoboación desas zonas. 62 concellos tiñan en 2011 máis dun 25% de casas baleiras. E entre as cidades destacan Ourense, Lugo e Ferrol, que roldan o 20%.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

247.000 vivendas secundarias

O Censo de 2011 ofrece tamén información sobre as denominadas vivendas secundarias ou segundas vivendas, definida como "a vivenda familiar que é utilizada só parte do ano, de forma estacional, periódica ou esporádica (por exemplo, durante as vacacións ou fins de semana), ou ben, sendo utilizada de maneira continuada e non estacional ao longo de todo o ano, non constitúe residencia habitual dun grupo de persoas (por exemplo, para alugamentos sucesivos de corta duración)".

Son ao redor dun cuarto de millón. Delas, máis de 16 mil foron construídas antes de 1900 e observando a súa distribución porcentual en cada concello, vemos como é na Galicia interior na que as vivendas secundarias teñen máis peso. En concellos como A Veiga, O Bolo ou Baños de Molgas máis da metade dos inmobles existentes son segundas vivendas, e Parada de Sil, San Xoán de Río, Folgoso do Courel ou Cervantes a porcentaxe supera o 40%.

O mapa dirixe a atención cara a outro tipo de localidades nas que as vivendas secundarias teñen un gran peso: concellos costeiros, cunha gran explotacións turística, como Barreiros (60% de vivendas secundarias), Sanxenxo (48%), Baiona (39%) ou Cabanas (37%).