A desigualdade de xénero no mundo laboral, en 11 datos

Protesta das traballadoras de Freiremar © CIG

UGT presentou este martes na Coruña un Informe sobre a situación sociolaboral da muller en Galicia, no que alerta de que "aínda seguen a existir importantes discriminacións e desigualdades de xénero no emprego, o traballo e tempo parcial, as retribucións, as pensións, a toma de decisións e a ocupación dos postos de responsabilidade, o traballo non remunerado e a asunción das responsabilidades familiares". Neste informe conclúese que o mercado laboral feminino segue a manifestar peores condicións que o masculino en todas as súas variables. Por exemplo, as taxas de actividade e ocupación feminina son 9,7 e 8,7 puntos inferiores á masculina e a do paro supera á masculina en 1,3 puntos. "Todo isto é unha situación xa estrutural que se agudizou coa crise e os recortes impostos e que está a contribuír a un maior risco de pobreza e exclusión social das mulleres", subliña.

O sindicato sinala que "aínda que no eido lexislativo existen medidas para promover o cumprimento do principio de igualdade de trato entre homes e mulleres en materia laboral", se a UE "mantén o actual ritmo de progreso necesitaranse 70 anos para lograr a igualdade retributiva, 40 anos para conseguir unha repartición equitativa das tarefas domésticas e 20 anos para lograr o equilibrio de xénero en política"

UGT lembra que os recortes en materia de dereitos básicos afectaron máis aos sectores máis desprotexidos da sociedade. Son moitas as mulleres "que cada día se aproximan, e moitas atravesan, o limiar da pobreza ou exclusión social. E isto é un problema que a nosa sociedade non pode consentir", di. "Hai que facilitar o acceso e permanencia das mulleres ao mundo laboral, creando máis emprego e de calidade, nun contexto no que impere a corresponsabilidade e no que as políticas públicas garantan a atención de menores e persoas dependentes, permitindo compatibilizar a vida persoal, familiar e laboral de todos os traballadores e traballadoras", engade.

As taxas de actividade e ocupación feminina en Galicia son 9,7 e 8,7 puntos inferiores á masculina

A central reclama que "os poderes públicos tomen cartas no asunto e poñan enriba de mesa todas as medidas necesarias para que a igualdade sexa dunha vez por todas real e efectiva en todos os eidos, social e laboral, contrariamente ao levado a cabo durante os últimos anos, deixando baixo a escusa da crise a igualdade nun segundo lugar".

 

A taxa de actividade, á cola do Estado

As taxas de actividade e ocupación feminina en Galicia son 9,7 e 8,7 puntos inferiores á masculina. Ademais, se se compara a taxa de actividade feminina galega coa do resto do Estado, as mulleres galegas tamén saen perdendo con 4,7 puntos menos, só por riba dos datos de Asturias e Estremadura.

A taxa de temporalidade é case catro puntos superior á dos homes

A taxa de temporalidade entre as mulleres galegas sitúase no 28,2%, mentres que a masculina é do 24,3 por cento

A taxa de temporalidade entre as mulleres galegas sitúase no 28,2%, mentres que a masculina é do 24,3 por cento. Hai que subliñar que esta diferenza vénse incrementando dende o ano 2013, cando era de 2,6 puntos, ata os 3,9 actuais.

Poucas directivas

Tan só 9.900 mulleres galegas están ocupadas en postos de dirección ou xerencia, fronte a 25.900 homes

En canto á segregación vertical, dende UGT-Galicia denúnciase que tan só 9.900 mulleres galegas están ocupadas en postos de dirección ou xerencia, fronte a 25.900 homes. "Constátase así que o “teito de cristal” segue estando presente para as mulleres na súa participación no mercado de traballo", denuncia o sindicato. De feito, as mulleres só representan o 11,75 por cento nos órganos de dirección das empresas do IBEX 35, 59 mulleres fronte a 443 homes.

A igual nivel formativo, as taxas de ocupación seguen a ser superiores para os homes

Do informe tamén se deduce que a igual nivel de formación, os homes seguen a acadar maiores taxas de ocupación en todos os niveis formativos. As menores diferenzas, aínda que considerables, danse nos niveis de educación superior, con taxas de ocupación do 70,2 por cento para os homes e do 69,4 por cento para as mulleres.

O desemprego de moi longa duración reduciuse máis no caso masculino

O desemprego de moi longa duración reduciuse en maior medida no caso masculino que no feminino

En materia de desemprego, a taxa de paro segue sendo superior entre as mulleres en 1,3 puntos. No ano 2012 a taxa de paro era superior entre os homes (como consecuencia da perda de emprego en sectores fortemente masculinizados e afectados pola crise); a partir do 2014 a muller situouse xa á cabeza en taxas de desemprego. Tamén o desemprego de moi longa duración reduciuse en maior medida no caso masculino que no feminino. Deste xeito, no último ano descendeu en 7.300 o número de homes que se atopaban en situación de desemprego de moi longa duración e a baixada no caso das mulleres foi de 4.500.

Menos prestacións por desemprego para elas

A todo isto hai que engadir que tan só o 43,3 por cento das mulleres en paro perciben unha prestación, fronte ao 56,7 por cento dos homes, "o que leva en moitos casos ás mulleres a situacións de pobreza ou exclusión social, non atopando resposta ou cobertura por parte das administracións", denuncia UGT-Galicia.

No paro por ter que coidar doutras persoas

Tan só o 43,3 por cento das mulleres en paro perciben unha prestación, fronte ao 56,7 por cento dos homes

Do total das persoas que nin teñen nin buscan traballo por ter que coidar de menores, persoas adultas enfermas ou con discapacidade o 92,16 por cento son mulleres. "Un exemplo máis da renuncia das mulleres ao mercado laboral por ter que dedicarse á atención das reponsabilidades familiares", alerta UGT, que reclama "a necesidade de articular verdadeiras e efectivas políticas de conciliación e corresponsabilidade para poder mudar esta tendencia". 

Parcialidade por coidados

Do total das persoas que nin teñen nin buscan traballo por ter que coidar de menores, persoas adultas enfermas ou con discapacidade o 92,16 por cento son mulleres

A parcialidade tamén vai pegada á muller. Do total das persoas traballadoras que teñen un contrato a tempo parcial por ter que coidar de menores, de persoas maiores ou ter que atender outro tipo de responsabilidades familiares, máis do 94 por cento son mulleres. 

Desigualdade de retribucións

A desigualdade das retribucións entre homes e mulleres en Galicia chega ao 20,9 por cento.

Desigualdade na conciliación

As mulleres seguen dedicando unha media de 4 horas e 31 minutos ao día ás tarefas do fogar e os homes tan só 2 horas e 40 minutos. UGT-Galicia pide "tratar en profundade e con decisión o tema da conciliación e corresponsabilidade con medidas de apoio efectivas e reais".

As mulleres seguen dedicando unha media de 4 horas e 31 minutos ao día ás tarefas do fogar e os homes tan só 2 horas e 40 minutos

O 73,8% das reducións de xornada por coidado de fillos corresponden a mulleres

As prestacións por maternidade son desfrutadas polas mulleres en exclusiva no 97,5 por cento dos casos; as reducións de xornada por coidado legal son solicitadas por mulleres no 73,8 por cento dos casos; e as excedencias por coidado familiar as solicitan as mulleres no 89,1 por cento dos casos.

 

Traballadoras de Cuca, homenaxeadas na edición 2013 do Festival Revenidas © Revenidas
Traballadoras dunha conserveira CC-BY-NC-SA CIG
Traballadora dun hospital público galego © Sergas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.