0 Gardados para despois

Éxito na primeira gran folga en Pescanova en 56 anos

Redacción | @prazapublica

A totalidade das 700 traballadoras e traballadores de Pescanova en Galicia secundaron este martes a primeira das dúas xornadas de folga convocadas por CIG, UGT, USO e CUT (e de forma parcial por CC.OO.). Trátase da primeira folga nas factorías e oficinas galegas da empresa dende e súa fundación en 1960 e con ela os sindicatos queren reclamar uns convenios colectivos "dignos", denunciar o "bloqueo" e rexeitar "a precarización das condicións laborais". Ademais, centos de empregados e empregadas concentráronse dende primeira hora da mañá ás portas dos centros de traballo que o grupo de alimentación ten no Porriño e Chapela.

O seguinte día de paro está fixado para o vindeiro martes 21, mentres que a intención das centrais sindicais é que a partir do 3 de abril pase a ser indefinido no caso de que non se chegue a un acordo para a renovación dun convenio colectivo que as partes negocian dende hai xa máis de 10 meses.

A folga convocada polo persoal de Pescanova recibiu este martes o apoio de distintos comités de empresa, seccións sindicais e representantes sindicais. Entre eles, do sector da conserva como Thenaisie, A. Alonso, Cerqueira, Orbe e Varcárcel; da industria de elaboración, como Fandiscosta e Mascato; ou do frío industrial, como Frigoríficos de Vigo, Frioya e Stef. De igual xeito, as seccións sindicais da CIG en Frigolouro, Telefónica, Vitrasa, Maderas Iglesias, Covsa e Unísono amosaron a súa solidariedade co cadro de persoal de Pescanova.

O pasado sábado os piquetes conseguiron impediron a entrada do persoal de ETT nas instalacións da empresa para evitar que se fagan horas extras. Os empregados e empregadas da compañía de alimentación decidiran en asemblea deixar de facer horas extras como medida de presión ante o bloqueo das negociación do convenio colectivo, polo que a dirección optou por botar man de máis persoal de ETT para que a actividade da empresa non se vise afectada.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.