O Goberno central queda sen apoio para convalidar o decreto da estiba

Movemento de contedores no porto de Vigo, un dos focos de exportacións en Galicia © marportactivities.com

O Congreso dixo non á reforma do sector da estiba e deu marcha atrás ao decreto lei aprobado polo Consello de Ministros. A abstención de Ciudadanos e o voto a favor do PNV non abondaron fronte á oposición de Podemos, PSOE e demais grupos, que botan por terra a intención do PP e do Executivo central, que terá que seguir negociando cos traballadores ante a inminencia dunha nova sanción comunitaria e o rexeitamento por parte de traballadores e oposición dos seus intentos por regular e liberalizar o traballo nos portos do Estado. 

Finalmente, 175 votos en contra, 142 votos a favor e 33 abstencións, as 32 de Ciudadanos máis a do deputado de Unidos Podemos Íñigo Errejón, que aclarou que fora un erro e que manifestou o seu rexeitamento ao decreto do Goberno central. 

A abstención de Ciudadanos e o apoio do PNV non lle foi suficiente ao Goberno para apoiar a reforma

A derrota supón para Rajoy un dos momentos parlamentarios máis complicados na súa traxectoria como presidente ao fracasar na votación da convalidación dun decreto lei do seu Goberno. É unha situación que só ocorreu unha vez máis, durante o primeiro mandato de Adolfo Suárez, durante a votación dun decreto que pretendía regular a normativa de acuartelamentos. A viraxe de Ciudadanos, que mudou do voto afirmativo previsto á negativa, foi clave. 

O rexeitamento retrata a debilidade do PP neste novo tempo político ao non conseguir Rajoy validar no Parlamento un decreto do Goberno, ademais de anticipar as dificultades para tirar adiante os Orzamentos. Non foi unha moción ou unha proposición non de lei, senón a negativa do Congreso a unha decisión da Moncloa que é adoptada, basicamente, polas indicacións que chegan da Unión Europea. 

É a primeira vez desde 1979 na que un Executivo fracasa no intento de convalidar un decreto lei

Agora, o Executivo buscará empregar a baza de sinalar o PSOE e responsabilizalo das consecuencias, en forma de sancións ou outras, que supón non cumprir coa normativa europea. De feito, o previsible é que unha nova sentenza do Tribunal Europeo marque o inicio dunha multa de 134.000 euros diarios, que se engadirían aos 23 millóns xa impostos e adebedados á espera do que resulte do conflito. 

Este mesmo mércores, a poucas horas da votación, o ministro de Fomento intentou poñer fin ao conflito e chegar a un acordo na negociación entre patronal e sindicatos da estiba. O seu titular, Íñigo de la Serna, ofreceu prexubilacións voluntarias para os traballadores con 50 anos, cinco anos antes da idade de retiro, mantendo o 70% do soldo, unha opción que as centrais, que nin tan sequera estaban presentes para debatela, rexeitaron. 

En Galicia, son arredor de 200 os estibadores afectados polo conflito, a maioría deles do porto de Vigo

En Galicia, son arredor de 200 os estibadores afectados directamente -a maioría deles no porto de Vigo (150) e o resto repartidos entre Marín, Vilagarcía, A Coruña e Ferrol-, ademais dos traballadores eventuais. No conxunto do Estado, segue no aire o futuro de máis de 6.100 operarios en 46 zonas portuarias. Volverán as negociacións. 

O ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, advertiu que unha derrogación como a que agora non suporia un "dano ao Goberno, senón ao conxunto dos españois, que van ter que pagar esa multa". "Non pensen tanto no Goberno como neles", pediu quen aludiu ás sancións ás que terá que facer fronte o Estado. Desde o PP, o seu deputado, Barrachina, cargou contra a oposición por permitir que se manteña "un monopolio laboral que fai perder competitividade" e mesmo asegurou que co que suporá a multa "poderíanse contratar 1.000 médicos adicionais", ademais de criticar o sector por estar fortemente masculinizado. 

O PSOE recrimina ao PP que non fixese nada por abrobar o decreto con maioría absoluta "por interese partidista e electoral"

O PSOE, pola súa banda, lembrou que o PP "non fixo nada antes" malia que a sanción está aprobada desde hai máis de dous anos e que antes os populares tiñan maioría absoluta na Cámara. "Pero daquela había eleccións municipais e xerais; foi todo por un interese partidista e electoral", insistiu tras instar o Goberno a negociar e aos estibadores a paralizar a folga. Mentres, o grupo confederal de Podemos-En Marea-En Común Podem xustificou o seu 'non' por estar "ao carón da economía produtiva e diga e por empregos dignos e decentes". 

Ciudadanos animou tamén a buscar un acordo e a "recoñecer o esforzo de todas as partes", mentres que ERC asegurou que detrás da reforma "hai os mesmos obxectivos que as últimas reformas laborais; devaluación salarial e das condicións do sector". "Gañar ben a vida debería ser a norma e non unha excepción", dixo o seu representante. 

 

A sentenza do tribunal comunitario

As actuales mobilizacións son último capítulo  dun conflito que comeza cunha sentenza do Tribunal da UE que dá a razón a Bruxelas e culpa a España de estar incumprindo as normas comunitarias sobre a liberdade de establecemento nos peiraos de interese xeral.

A xustiza comunitaria considera que o sistema que rexe na estiba estatal vai contra as normas da UE e España xa foi sancionada con máis de 20 millóns de euros, unha multa que se aumentará e que foi aplicada xa a finais de 2014. Actualmente, as empresas que operan nos peiraos públicos deben entrar no capital das sociedades de xestión de traballadores portuarios (Sagep) e contratar un dos seus 6.156 estibadores. O decreto lei do Goberno quere acabar con esta obriga e permitir a libre contratación, unha situación na que os sindicatos ven tamén un intento por empeorar as condicións laborais, precarizar o sector e permitir a entrada de grupos de investimento foráneos sen especialización ningunha. 

Un dos principais elementos de conflito xurdiu da pretensión dos traballadores de que se crease un rexistro onde se garanta a profesionalidade, experiencia e capacitación e de onde se contraten preferentemente os estibadores que levan anos exercendo o labor. Fomento negouse por ir contra a normativa comunitaria, polo que os sindicatos propuxeron pechar esa vía e garantir mediante outras o emprego para os operarios. Desde o Goberno formulouse logo que isto puidese ser posible a través da negociación colectiva e vén de ofrecer prexubilacións en favorables condicións, pero os estibadores entenden que non se está a asegurar o emprego, as condicións, nin o futuro do sector. 

De la Serna intervén no Congreso © Congreso
Votación no Congreso Dominio Público @En_Marea

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.