O prezo do solo urbano galego mantense en mínimos tras caer un 75% ao picar a burbulla

Oferta de chalés en Barreiros con "auga e luz" como algo extraordinario, nunha imaxe dunha publicación da Xunta Dominio Público Xunta de Galicia

No ano 2003 o mercado inmobiliario español notaba xa de cheo os efectos das reformas da lei do solo do goberno de José María Aznar. Nun contexto marcado polas mudanzas económicas da entrada do euro e a fluidez do crédito bancario o prezo da vivenda duplicárase en poucos anos. Naquel contexto o titular do ministerio de Facenda, que como na actualidade era Cristóbal Montoro, saía ao paso das críticas da oposición a respecto do crecemento dunha "burbulla inmobiliaria". Tal concepto non era máis ca unha "especulación da oposición", que falaba "insensatamente da economía de ladrillo" e "esquecía que a construción é un sector fundamental". Apenas media década despois o estourido da crise económica e, con ela, o picazo da burbulla que Montoro negaba, provocou o devalo polas bravas do sector da construción e con el, dos prezos da vivenda e do solo.

O prezo medio do metro cadrado pasou de máis de 260 euros a menos de 70

Os datos máis recentes do Instituto Galego de Estatística indican que un metro cadrado de solo urbano custaba a finais de 2016 en Galicia unha media de 66,30 euros. Isto supón o regreso aos valores máis baixos da serie e unha diferenza próxima ao 75% a respecto do prezo máximo, que en Galicia se rexistou na segunda metade do ano 2007. Naquela altura o metro cadrado de solo no que era susceptible construír superaba os 260 euros por metro cadrado. Dez anos despois, o devalo é evidente e tamén a diferenza a respecto da media estatal, onde o prezo medio do metro cadrado supera agora o valor galego en máis de 100 euros.

Así e todo, estas variacións non foron homoxeneas no conxunto do territorio galego. Boa mostra dista son as evidentes diferenzas dos datos desagregados por provincias. Así, fronte ao 75% de caída rexistrado na media galega, na provincia de Pontevedra o retroceso achégase ao 80%. Non en van, alí a burbulla levou os prezos ata preto dos 300 euros por metro cadrado e na actualidade non chega aos 70. Nas provincias interiores os prezos da burbulla ascenderan ata a contorna dos 200 euros por metro cadrado, pero a caída foi semellante ás atlánticas. Así, por exemplo, o metro cadrado en Lugo custaba en 2007 uns 212 euros e a finais de 2016 non chegaba aos 44.

O 70% das solicitudes de vivenda protexida pola Xunta son para vivir de alugueiro

Así e todo, estas significativas baixadas de prezos non trouxeron consigo máis facilidades para o acceso a unha casa ou piso. Así, segundo os estudos do IGE a respecto do grao de accesibilidade á vivenda, baseados no cruzamento de datos de prezos, salarios e rendas, no ano 2007 a poboación galega tiña que reservar, de media, o 48,3% da súa renda para facer fronte ao pagamento dunha hipoteca a vinte anos, o que supuña dez puntos máis que apenas dous anos antes. A finais de 2016 este indicador ascendera tres puntos, ata algo máis do 51,2%.

Estes indicadores rexistráronse nuns anos no que os desafiuzamentos pasaron a estar no centro da axenda política, social e económica, e nos que o alugueiro foi gañando peso nas preferencias de quen procuran vivenda. Así, na actualidade o 70% das inscricións no Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida da Xunta son de persoas que agardan por un piso arrendado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.