A renda da poboación galega estáncase 21 puntos por baixo da media da UE malia ao crecemento económico

PIB per cápita en porcentaxe coa media da UE en 2015 © Eurostat

A economía galega xa medra a un ritmo semellante ao anterior á crise. O Produto Interior Bruto do país rematou 2016 cun crecemento do 3,1%, segundo os datos provisionais do IGE, o que supuxo o terceiro exercicio consecutivo de cifras positivas. No entanto, este crecemento non ten a súa correspondencia noutros indicadores como o emprego -150.000 persoas ocupadas menos-, os salarios ou a renda media dos fogares e as familias. Esta disparidade reflíctena tamén os datos de converxencia coa Unión Europea. Non en van, segundo a última revisión que vén de publicar Eurostat, Galicia acumula tres anos seguidos nos que a renda media da poboación está ata 21 puntos por baixo do promedio da Unión.

Nos anos previos ao estourido da crise Galicia avanzara notablemente no seu achegamento á renda per cápita media da UE, cara á converxencia. Así, a oficina estatística da Comisión Europea amosa que en 2008 e 2009 a renda persoal galega chegou a situarse nun 89% da media continental. No entanto, a partir de 2010 iniciouse un rápido descenso de ata dez puntos, ata chegar ao 79% en 2013, o cal se mantivo en 2014 e 2015, o que significa unha caída superior á estimada por Eurostat en anos anteriores e o que ratifica, tamén, unha diferenza de ata 16 puntos entre o estimado pola Xunta, acadar o 95% da renda media en 2014, e o que finalmente aconteceu.

O retroceso de Galicia na súa converxencia non foi, obviamente, un fenómeno illado, pero non é menos certo que non foi tan acusado como noutros territorios da contorna do país, isto é, outras comunidades autónomas do Estado e mais as sete rexións nas que Eurostat divide Portugal. Así, Galicia está máis lonxe de coller o tren económico europeo no que atinxe á renda da súa poboación, pero gaña posicións relativas en comparación cos anos previos á expansión económica que precedeu ao inicio da crise. Así, moveuse dende as últimas posicións ás intermedias con relación a España e Portugal.

Esta mellora relativa débese a que, mentres Galicia perdía 10 puntos dende o ano no que máis próxima estivo á converxencia coa UE, o 2009, outros territorios retrocederon máis. Foi o que lles sucedeu as áreas de influencia de Lisboa e Madrid, con retrocesos de 14 e 13 puntos, ou a autonomías españolas como Cantabria, Canarias, Navarra ou Andalucía. Mentres, o proceso de converxencia coa UE retrocedeu menos en rexións portuguesas como Açores, Alentejo, Algarve ou o Centro e mais o Norte de Portugal, se ben estas áreas partían tamén de rendas per cápita máis baixas.

A diferenza da renda media galega per cápita con relación á comunitaria é de 6.000 euros ao ano

A diferenza en puntos porcentuais da renda per cápita galega con relación á media da UE regresa, daquela, a valores anteriores á expansión económica da década pasada, pero a súa tradución a euros é notablemente peor. Así, no ano 2003 a renda per cápita media da poboación galega era de 17.000 euros anuais de capacidade de compra -valor que Eurostat emprega para descontar dos seus cálculos as diferenzas de prezos entre países- e a da UE, de 21.500, o que supuña unha diferenza de 4.500 euros. Esta fenda chegou a reducirse en 2009 ata os 2.800 euros e no 2015 chegou aos 6.000, coa renda media galega en 22.900 euros anuais e a comunitaria, en 28.900.

PIB per cápita en porcentaxe coa media da UE en 2015 (premer para ampliar) © Eurostat

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.