Seis de cada dez granxas seguen cobrando menos de 29 céntimos por litro de leite

Vacas dunha explotación láctea galega © Xunta

Nos últimos meses vimos asistindo a unha certa recuperación dos prezos do leite pagados aos produtores. Dende o nivel mínimo acadado o pasado verán, cun prezo medio de 26,8 céntimos por litro, en xaneiro e febreiro esta media situouse lixeiramente por riba dos trinta céntimos. Lonxe, iso si, dos máis de 39 céntimos pagados en 2014 e aínda por debaixo dos propios custes de produción

Con todo, a cifra media que se adoita tomar como referencia agocha unha realidade mesmo máis negativa. As explotacións cunha maior capacidade produtiva están a recibir unha cantidade por litro lixeiramente superior a eses 30 céntimos por litro: as granxas que producen máis de 700.000 litros cobran ao redor de 31,09 céntimos, e as que se sitúan entre 400.000 e 700.000 reciben 30,60 céntimos. Porén, este tipo de explotacións son unha minoría en Galicia, apenas unha de cada dez.

A inmensa maioría das explotacións galegas (ao redor do 61%) producen menos de 200.000 litros e mesmo un 19% sitúase por debaixo dos 50.000 litros. Para este tipo de granxas os prezos pagados atópanse aínda por debaixo dos 29 céntimos por litro (26,86 céntimos para as explotacións máis pequenas, as que producen menos de 100.000 litros). 

 

Mil explotacións menos en dous anos

Dende a supresión do sistema de cotas lácteas, en abril de 2015, o número de explotacións leiteiras en Galicia descendeu en máis de mil, desparecendo polo tanto o 11%. Das 9.484 existentes daquela pasouse a 8.433, nunha contante tendencia á baixa, reducíndose sobre todo o número das explotacións máis pequenas

"O sistema de cotas non era perfecto, pero a liberalización salvaxe que agora se impón é aínda peor. De seguirmos por este camiño, o sector lácteo galego seguirá a ser o máis prexudicado, até o punto de que agora é posible que as industrias aposten por deslocalizar para reducir custes, de maneira que nin Galiza, nin o seu clima, nin os seus pastos naturais, nin as súas granxas, serían necesarias xa para fornecer de leite o Estado Español", alerta o Sindicato Labrego Galego.

A produción total de leite en Galicia mantense estable, pero comeza a amosar unha tendencia á baixa, que haberá que confirmar nos vindeiros meses.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.