0 Gardados para despois

As vendas de produtos ecolóxicos galegos creceron un 25% no último ano

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O valor das producións ecolóxicas galegas crece ano a ano, situando este sector nunha posición cada vez máis importante. En 2016 o volume de negocio dos produtos certificados polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) chegou aos 41,7 millóns de euros, un 25% máis que o ano anterior e case duplicando o nivel de 2011. Tamén creceu o número de operadores (tanto produtores como elaboradores), que pasou de 797 a 945. E, igualmente, a superficie de terreo certificada, que creceu dende as 20 mil hectáreas ata case as 28 mil.

Tamén creceu o número de operadores (tanto produtores como elaboradores), que pasou de 797 a 945

Os datos foron presentados este mércores en Compostela polo presidente de CRAEGA, José Antonio Fernández Álvarez, que estivo acompañado pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo.

Lonxe quedan os tempos en que a produción ecolóxica se movía en números puramente anecdóticos. Ata o ano 2001 o volume de negocio anual non chegaba o millón de euros e o número de empresas e particulares produtores ou elaboradores superaba por pouco a centena, con menos de dúas mil hectáreas totais de terreo. O crecemento dende entón foi moi rápido, ata o ano 2010, cando o sector ecolóxico tamén sentiu o efecto da crise, ralentizando a súa progresión, pero sen deixar de medrar. No 2015 e sobre todo no 2016 o número de operadores, superficie rexistrada e volume de negocio volveu experimentar alzas notables.

Leite, carne e conservas de peixe son os produtos que concentran as maiores vendas, con ao redor de 25 dos case 42 millóns de euros totais, experimentando un importante crecemento nos tres casos

Leite, carne e conservas de peixe son os produtos que concentran as maiores ventas, con ao redor de 25 dos case 42 millóns de euros totais, experimentando un importante crecemento nos tres casos. Pensos e alimentación animal, ovos, viños e licores, acuicultura, recollas silvestres e produtos apícolas superan o millón de euros de volume de negocio en todos os casos.

José Antonio Fernández, presidente do Craega, afirmaba hai tres anos en conversa con Praza que "no momento en que cheguemos á metade da media de consumo por habitante de Alemaña, aumentará moito a produción", e nese momento, cando a produción sexa maior, "os prezos igualaranse aos dos produtos non certificados". E concluía que “ti cando compras un produto ecolóxico, sabes o que estás comprando”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.