0 Gardados para despois

Así vén a nova Declaración da Renda: Novidades e datas importantes

Redacción | @prazapublica

A pasada semana abriuse o prazo para presentar a declaración do IRPF correspondente ao ano 2016, que rematará o 30 de xuño. A declaración pódese presentar xa de forma telemática a través do sistema Renta Web, que substitúe ao Programa Padre e que non obriga á instalación de programa ningún nin ao uso de Java; ademais permite facer a declaración en tabletas e móbiles. A posibilidade de presentala de forma presencial abrirase o 11 de maio. Non hai grandes cambios nos treitos e deducións con respecto ao ano anterior. Pero, iso si, increméntanse notablemente as vantaxes por achegas a ONGs e fundacións.

 

Calendario

  • 5 de abril: Inicio da campaña
  • 4 maio: Ábrese o sistema de cita previa
  • 11 maio: Ábrese a posibilidade de presentar a declaración nas oficinas da Axencia Tributaria
  • 26 de xuño: Fin do prazo de presentación de declaracións a ingresar
  • 30 de xuño: Último día para a presentación de declaracións

 

Tramos e mínimos exentos

  • En canto aos treitos, non hai grandes novidades con respecto ao ano anterior. Na última campaña os tramos do IRPF reducíranse de sete a cinco e recortáranse os tipos marxinais aplicables (que quedaron situados entre o 19% de mínimo e o 45% de máximo), beneficiando especialmente as rendas máis altas.
  • Os e as contribuíntes están obrigadas a presentar a declaración cando os seus rendementos íntegros do traballo superen os 22.000 euros anuais, sempre que procedan dun só pagador. Se ten máis dun pagador, pero os pagadores distintos do principal non superan en conxunto os 1.500 euros anuais, a cifra mantense nos 22.000. Se os pagadores secundarios exceden esa cantidade, a declaración pasa a ser obrigatoria a partir de 12.000 euros.
  • O mínimo exento individual sitúase nos 5.550 euros, aos que se poden sumar unhas determinadas cantidades por descendente nas declaracións conxuntas: 2.400 euros polo primeiro fillo ou filla e 2.700 euros polo segundo ou segunda.

 

Alugueiro

  • Desaparece a dedución estatal por alugueiro de vivenda habitual para os e as inquilinas con contratos asinados a partir de xaneiro de 2015. Porén, aquelas persoas que teñan un contrato asinado antes do 31 de decembro de 2014 poden seguir beneficiándose desa dedución, descontando o 10,05% do pagado ao longo de 2016, sempre que a súa base impoñible sexa inferior a 24.107,20 euros anuais.
  • En Galicia mantense a dedución sobre a cota autonómica, que será dun 10% das cantidades que satisfixera durante o período impositivo en concepto de aluguer da súa vivenda habitual, cun límite de 300 euros por contrato de arrendamento, que será do 20% cun límite de 600 euros se ten dous ou máis fillos menores de idade. Os requisitos principais son que a súa idade, na data de devindicación do imposto, sexa igual ou inferior a 35 anos e que a súa base impoñible non supere os 22 mil euros.

 

Doazóns

  • Os e as contribuíntes poden desgravar un 75% dos primeiros 150 euros doados a ONGs, fundacións ou calquera entidade recollida na lei 49/2002 (incrementándose dende o 50% do ano pasado e o 25% do anterior) e un 30% nas achegas a partir desa cantidade; esta porcentaxe aumenta ata o 35% se a cantidade achegada a unha mesma ONG ou fundación non diminuíu nos últimos tres anos. 
  • As achegas a partidos políticos e agrupacións de electores dan dereito a unha dedución do 20% das cotas de afiliación. A base máxima desta dedución será de 600 euros anuais.

 

Pensións

Xa o ano pasado reduciuse a cantidade límite que se pode achegar a plans de pensións, pasando de 10.000 a 8.000 euros, sempre que non supere o 30% dos rendementos do traballo e actividades económicas, independentemente da idade.

 

Deducións autonómicas

  • Dedución por nacemento ou adopción de fillos: 300 euros por fillo ou filla, sempre que a base impoñible total menos os mínimos persoal e familiar fose igual ou maior de 22.000 euros; en caso de parto múltiple esta dedución ascenderá a 360 euros por cada fillo. 360 euros por fillo ou filla, sempre que a base impoñible total menos os mínimos persoal e familiar fose menor ou igual a 22.000 euros. Esta contía será de 1.200 euros se se trata do segundo fillo e de 2.400 se se trata do terceiro fillo ou seguintes. A contía incrementarase nun 20% para os e as contribuíntes residentes en municipios de menos de 5.000 habitantes. A dedución estenderase aos dous períodos impositivos seguintes ao nacemento ou adopción.
  • Dedución por familia numerosa: 250 euros (familias numerosas de categoría xeral). 400 euros (familias numerosas de categoría especial).
  • Dedución por acollemento: 300 euros por cada menor acollido ou acollida
  • Dedución por coidado de fillos e fillas menores: Os pais e nais poderán deducir o 30% das cantidades pagadas no ano a unha persoa ou escola infantil, cun límite máximo de 400 euros, e 600 euros se teñen dous ou máis fillos/as. Coas seguintes condicións: que ambos os dous proxenitores traballen, que a persoa coidadora estea dada de alta na Seguridade Social, que os fillos ou fillas teñan tres anos ou menos, e que a base impoñible non supere os 22.000 euros en tributación individual ou 31.000 euros en tributación conxunta.
  • Dedución por coidado de maiores dependentes: Ata un máximo do 10% das cantidades pagadas, sempre que a persoa coidada teña máis de 65 anos e un grao de minusvalía superior ao 65%.
  • Dedución por gastos dirixidos ao uso de novas tecnoloxías nos fogares galegos: Os a as contribuíntes que durante o 2016 accederan a internet mediante a contratación de liñas de alta velocidade poderán deducir da cota íntegra autonómica o 30% das cantidades satisfeitas en concepto de cota de alta e cotas mensuais, cun límite máximo de 100 euros. Só poderá aplicarse no exercicio en que se subscribe o contrato.
  • Dedución por doazóns con finalidade en investigación e desenvolvemento científico e innovación tecnolóxica: Os e as contribuíntes poderán deducir da cota íntegra autonómica do imposto o 25% (ata o límite do 10% da devandita cota) das achegas realizadas a centros de investigación adscritos a universidades galegas e dos promovidos ou participados pola Comunidade Autónoma de Galicia que teñan por obxecto o fomento da investigación científica e o desenvolvemento e a innovación tecnolóxicos.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.