Abanca ofrece "produtos financeiros gancho" ao devolver as cláusulas solo

Oficina de Abanca nunha cidade galega CC-BY-SA CIG

A banca está a empezar a devolver o cobrado de máis aos clientes polas cláusulas solo. Moi paseniñamente e non sempre o importe reclamado, pero as entidades comezan a cumprir co decreto do Goberno que as obriga a restituír os cartos a través dun procedemento extraxudicial que evite unha avalancha de demandas e a saturación nos xulgados. Inténtase así que os afectados recuperen o cobrado de máis polos bancos, que aplicaban un tope máximo no tipo de interese e evitaban así que diminuíse a cota mensual da súa hipoteca. Pero o que semellaba un trámite rápido e efectivo acaba por ser en moitos casos unha parte máis da política comercial das entidades, que aproveitan a ambigüidade e flexibilidade da norma do Executivo para vender produtos máis ou menos complexos ou mesmo pagar o debido a través destes. 

Así o fai, por exemplo, Abanca, polo menos nalgunhas das súas oficinas. En instrucións internas a empregados de sucursais ás que tivo acceso Praza.gal, un director de zona nunha cidade insta os traballadores a facer "ofertas específicas" a aqueles clientes aos que lles teñan que devolver os cartos e facelas a través de "produtos gancho" para centrarse, ademais, naqueles aos que se lles teña que reintegrar unha maior cantidade. "Imos aproveitar opotunidades comerciais", di, tras animar tamén en poñer o "principal foco en clientes valor". 

Unha carta dun responsable de Abanca aos traballadores insta a ofrecer "produtos gancho" e "aproveitar oportunidades comerciais" na devolución das cláusulas solo

Todas as entidades teñen que responder nun prazo de tres meses aos clientes que reclamen e até entre 150.000 e 200.000 poden acudir a este proceso en Galicia. Están a empezar a devolver os cartos, sendo Bankia a entidade que máis axiña está a reintegrar o importe, tal e como confirman fontes de avogados que defenden usuarios afectados polas cláusulas solo. "Está a ser moi proactiva", aseguran, ademais de advertir do "moi mal funcionamento" do proceso no BBVA, das solucións concretas e individuais que o Sabadell Gallego ofrece a cada prexudicado ou das reticencias constantes do Pastor e do Popular. No caso de Abanca, as mesmas fontes son claras: "moi pouca transparencia e presionando moito". 

Abanca asegura que só ofrece "a devolución en efectivo e non produtos"

Malia que desde a entidade con sede en Galicia se asegura que "non se está a ofrecer produto ningún, senón a devolución en efectivo", a circular enviada por este xefe de zona de Abanca non indica o mesmo. Fontes afectadas explican que o que "amola" é que este proceso acabe "formando parte da política comercial" da entidade, á que critican por "querer colocar produtos financeiros máis ou menos complexos" nesta situación. Na circular á que tivo acceso este diario, advírtese da "preocupación especial" no banco por "minimizar cargos en oficinas" durante esta vía extraxudicial de cobro. "Tratemos de mitigar a carga administrativa (o proceso está pensado para iso) e logremos que non nos afecte na produtividade comercial", engádese. 

De feito, aseguran que os empregados dalgunhas oficinas reciben instrucións para priorizar estes produtos sobre o efectivo en caso de que sexa posible colocalos. "É o decreto do goberno o que lles permite actuar así", insisten. Ademais da renegociación da débeda e do pago en efectivo, estes produtos son tamén unha alternativa. "Aquí nada mudou logo de todo o pasado, as cousas seguen igual", insisten. 

No caso de Abanca, é certo que son varios os clientes que reclaman cantidades algo por riba das reais, ao non reparar no feito de que as cláusulas solo xa foran retiradas pola entidade con sede en Galicia en maio de 2013 tras aplicar unha sentenza do Tribunal Supremo. No entanto, tamén son varios os que advirten dos intentos do banco por que asinen o máis axiña posible a súa oferta, normalmente á baixa segundo avogados que levan varios casos de afectados. "Por poñer un exemplo, e no caso de reclamar 3.000 euros, ofrécenche 2.000 e advírtenche que a alternativa é a vía xudicial e que eses 1.000 euros menos son os que perderías se tes que pagar as custas do xuízo", explican. 

Ademais, Abanca tan só paga os xuros de demora desde o 21 de decembro de 2016 aínda que as cantidades que se deban sexan desde anos anteriores. Segundo avogados con procesos abertos polas cláusulas solo, as perdas para os clientes afectados desta entidade adoitan ser de máis do 20% e as ofertas, en moitos casos, realízanse á baixa, sobre o 30% ou o 40% menos da cantidade reclamada. De non estar de acordo co ofrecido, ao cliente quédalle a opción da vía xudicial, a que recomendan moitas asociacións de usuarios de banca ou de consumidores. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.