0 Gardados para despois

I+T+G: Innovación e talento en galego para todo o ano

Praza PúblicaPraza Pública | @prazapublica


Innovación e talento en galego. É a combinación que poñen en práctica cada día numerosas empresas e entidades do país, cuxas experiencias nos seus ámbitos sociais e económicos amosan ás claras que o idioma propio de Galicia vai tamén da man de traballos exitosos e de futuro. No marco do Día das Letras deste 2017 nace ao abeiro de Praza.gal e mais da Fundación Praza Pública, editora do xornal, o proxecto Praza I+T, un escaparate para o labor innovador e talentoso que leva ao seu carón outra letra, o G do galego empregado con normalidade na vida cotiá. Ese uso normal da lingua galega é o que desenvolven no seu traballo diario en Leite Noso, Dinahosting ou Milhulloa, proxectos de referencia en cadanseus ámbitos aos que nos achegamos neste 17 de maio.

"É máis probable que os meus fillos sigan falando galego que vivindo do leite"

Diego Fraga, gandeiro subministrador de Deleite, o pasado domingo na feira de Parga/ Praza Pública

Diego Fraga, gandeiro de Guitiriz, é un dos provedores de Deleite, a marca que fai do galego antídoto contra as dificultades pola que atravesa o sector lácteo. "É a primeira vez que te sentes identificado coa marca e coa industria", di como parte dun proxecto que máis que compradores, ten seguidores e múltiplas ligazóns co eido cultural. A explotación de Diego, na parroquia do Buriz, en Guitiriz, é propiedade súa e doutros dous socios. Os tres viñan de familias dedicadas ao agro e hai dez anos decidiron unirse baixo o nome Portagándara, que hoxe conta cuns 460 animais, dos que 220 son vacas leiteiras que producen uns 9.000 litros ao día. O traballo cotián da explotación e a venda dos produtos realízase "na lingua de toda a vida". Seguir lendo

"O uso do galego dános proximidade e permítenos diferenciarnos"

A empresa conta na actualidade con 96 traballadores e traballadoras

Dinahosting, empresa compostelá de rexistro de dominios e hosting, leva 15 anos medrando de forma constante. Hoxe suma case un cento de traballadores/as e unha facturación anual de 13 millóns de euros e sempre empregando a lingua galega con total naturalidade e sen complexos. "En Dinahosting o debate sobre o idioma realmente non apareceu en ningún momento: é a lingua do país e dunha parte importante do cadro de persoal e a nivel interno sempre se viviu como algo completamente natural e sen imposturas estrañas", explican. "A política lingüística de Dinahosting vai en consonancia coa política de atención á clientela: se queremos dar unha atención de verdadeira calidade, temos que expresarnos na lingua da nosa xente, desde unha relación de proximidade". Seguir lendo

Facendo país en rede desde Palas de Rei

Dúas das traballadoras de Milhulloa

Milhulloa,  cooperativa de cultivo ecolóxico de Palas de Rei, vén de unirse á Granxa Maruxa para sacar unha liña de cosméticos con herbas aromáticas, leite de Monterroso e auga do Carballiño e busca colaboración con outras empresas innovadoras galegas para lanzar novos produtos. Foi así como naceu Muuhlloa, un traballo innovador que, resalta unha das súas impulsoras, Carmela Valiño, tamén "fai país".  "Economicamente foi complicado, pero agora que conseguimos saír adiante e asentarnos, queremos continuar onde estamos", salienta. Todo, desde Galicia e desde o rural. Sen complexos. Tampouco co idioma. A etiquetaxe en galego para Galicia mesmo ante as recomendacións contrarias da regulación farmacéutica. "Ninguén nos volveu dicir nada e nós seguiremos etiquetando en galego". Seguir lendo

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.