A última poxa enerxética dá unha oportunidade ao sector eólico en Galicia

Parque eólico de Norvento © Norvento

A poxa de enerxía organizada polo Ministerio de Economía alimenta un chisco as esperanzas para a revitalización do paralizado sector eólico en Galicia. Foi esta tecnoloxía a gran beneficiada da repartición de 3.000 megavatios (MW) levada a cabo polo Estado este pasado mércores, con 2.979,55 destinados para a instalación de aeroxeradores. Ademais do grupo aragonés Forestalia, gran beneficiario con 1.200 MW, outras cinco empresas adxudicáronse potencia: tres das grandes (Gas Natural Fenosa, Enel e Gamesa), a tamén aragonesa Brial e a galega Norvento. 

Catro das seis empresas adxudicatarias teñen negocio eólico en Galicia, pero só unha delas, Norvento, é galega

A empresa lucense levou 128,6 MW fronte aos 667 de Gas Natural Fenosa; os 540 de Enel, filial de Endesa; os 237,5 de Brial; e os 206 de Gamesa. De todas elas, tan só as firmas aragonesas non teñen negocio eólico en Galicia, polo que o país podería verse beneficiado por futuros proxectos das compañías. 

No caso de Fenosa e Norvento, teñen ambas proxectos en desenvolvemento do concurso eólico impulsado pola Xunta en 2010, paralizado logo polo cambio na política enerxética do Goberno central. A primeira conta con 198 MW por poñer en marcha e unha bolsa total de máis de 300 e xa anunciou que investirá 700 millóns nos futuros parques repartidos por todo o Estado. A compañía lucense ten 144 MW en varios proxectos aprobados, cos trámites moi avanzados e case listos para executar, ao contrario que a firma catalá, que case non ten ningún trámite madurado. 

Norvento ten 144 MW en varios proxectos aprobados para poñer en marcha axiña en Galicia

Endesa, con máis de 450 MW eólicos instalados no país, prevé repartir a nova potencia adquirida entre Castilla y León, Aragón e Galicia e xa anunciou que investirá 600 millóns nestes futuros parques, aínda que no caso da comunidade galega, é a compañía que ten as tramitacións menos avanzadas malia contar con 138 MW do primeiro concurso do Goberno de Feijóo. Gamesa, que non ten nada do anterior concurso de 2010, si ten potencia instalada de etapas anteriores, nomeadamente na zona da Estrada. 

Ventonoso, asociación de propietarios de terreos eólicos en Galicia, amósase "satisfeita" polo feito de que unha empresa "netamente galega" entrase nunha repartición "desde o ámbito local e competindo coas grandes" e cre que a oportunidade para o futuro máis inmediato "é moi boa", ainda que non esquece que "foi un grupo aragonés aliado coa estadounidense General Electrics quen máis beneficiado saíu". Desde EGA, a patronal eólica galega, tamén ven no resultado da poxa unha boa ocasión para comezar a construír de novo parques eólicos en Galicia logo de anos de parálise total. Desde 2010, en Galicia tan só se instalaron 50 MW adicionais aos 3.200 vixentes.

Ventonoso e a patronal ven nesta última poxa unha oportunidade para reactivar o sector en Galicia

Os parques eólicos dos adxudicatarios deberán desenvolverse de aquí a decembro de 2009, un compromiso que evitaría que perdesen os avais de 20.000 euros por megavatio que xa depositaron. Ademais, os promotores teñen agora seis meses -até final deste ano- para asignar a potencia a cada parque e definir e presentar os seus proxectos. A antigüidade e o desgaste de aeroxeradores e a necesidade de presentar un novo plan para os novos muíños de vento podería alongar algo de máis o proceso. 

Segundo xa lembraron Unións Agrarias (UUAA) e Ventonoso, Galicia ten pendente de desenvolvemento unha bolsa total de parques eólicos cunha potencia duns 2.000 MW, pero moitos menos coa tramitación avanzada. As empresas adxudicatarias de instalacións nos anteriores concursos da Xunta, e aínda pendentes de execución, non se poden desenvolver a non ser que vaian obtendo megavatios nas poxas que organiza o Ministerio. 

Tanto estas dúas organizacións como a patronal reclaman á Xunta que "suprima obstáculos como o canon eólico, que supón un custo adicional para as empresas, pero que pagan tamén os consumidores galegos do seu peto ao repercutírselle no recibo da luz".

Ventonoso pide "acordos máis transparentes e xustos cos propietarios dos terreos eólicos"

Por outra banda, a actividade eólica xera arredor duns 6 millóns de euros en pagos a propietarios forestais e comunidades de montes polo arrendamento dos terreos onde se instalan os parques, segundo os cálculos de Ventonoso, que considera que é unha cifra "importante", pero "moi por debaixo da potencialidade que ten a enerxía renovable de xerar rendas no rural". Cada parque deixa uns rendas de entre o 0,5% e o 1,5% do valor da súa produción e desde a asociación crese que é "manifestamente mellorable con acordos máis transparentes e xustos cos propietarios dos terreos eólicos". E lembran como en países como Alemaña ou Dinamarca os propietarios dos terreos perciben ata un 10% dos ingresos dos parques.

José Antonio Diéguez, presidente de Ventonoso, di esperar "moito" de Norvento. "Reuníronse con nós cando o concurso eólico e esperamos que sexan transparentes e volvan manter unha xuntanza con nós axiña", explica. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.