O desemprego xuvenil segue crecendo e supera o 52% en España

Evolución do desemprego en Galicia nos últimos tres anos © IGE

Eurostat publica este luns as taxas harmonizadas de desemprego dos 27 países da Unión e os datos de España seguen sendo, con moito, os peores de toda Europa. O paro na zona euro sitúase no 11,1% en maio, e no 10,3% no conxunto da UE, crecendo unha décima dende abril en ambos os dous casos. Comparada a situación coa que había hai doce meses, o desemprego incrementouse en 18 países e diminuíu en oito, destacando o comportamento dos tres países bálticos, onde a taxa de paro descendeu en máis de dous puntos.

España encabeza a lista dos países con máis desemprego, cun 24,6% da poboación (20,9% en maio de 2011), superando a Grecia (21,9%, crecendo dende un 15,7% en 2011). A seguir, están Letonia e Portugal, con pouco máis do 15%. 15 dos 27 países da Unión Europea teñen taxas de paro inferiores ao dez por cento.

O único país que rolda os datos de paro xuvenil que se rexistran en España é Grecia, que tamén se sitúa no 52%

A situación é máis preocupante aínda se se observan os datos do paro xuvenil, correspondentes ás persoas de 25 anos ou menos. O 52,1% dos mozos e mozas españolas non ten traballo, medio punto máis que o mes anterior e case seis puntos máis que en maio de 2011. Neste caso, España multiplica por 2,5 a media europea, que se sitúa no 22% tanto nos 27, coma na zona euro. Alemaña conta cunha taxa de desemprego xuvenil inferior ao oito por cento e tamén Austria ou Holanda fican por debaixo do dez por cento. Francia ou Gran Bretaña sitúanse na media europea, e só Portugal, Italia ou Eslovaquia achéganse ao corenta por cento, que supera por pouco Croacia. O único país que rolda os datos de paro xuvenil que se rexistran en España é Grecia, que tamén se sitúa no 52%.

Evolución do desemprego en Galicia nos últimos tres anos © IGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.