0 Gardados para despois

O descenso dos desafiuzamentos frea en Galicia no inicio de 2017

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A cifra de desafiuzamentos entendida como o número de persoas que se ven obrigadas a deixar o seu fogar por non poder pagalo foi un dos elementos máis frecuentemente empregados no debate público como arma arreboladiza dende o inicio da crise. No comezo da recesión económica as cifras nin sequera eran homoxéneas e as ofrecidas dende 2013 polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) presentan distorsións como o feito de non distinguir entre vivendas habituais, segundas vivendas ou outro tipo de inmobles, caso dos locais comerciais. Con todas estas cautelas de partida os datos máis recentes, feitos público este mércores polo CGPJ indican que, tras un período de descensos, esa tendencia á baixa freou no inicio de 2017.

Nos primeiros tres meses do ano rexistráronse 684 lanzamentos, un 14,4% máis que no mesmo período de 2016

Os datos oficiais indican que, entre impagamentos de alugueiros, hipotecas e mais desafiuzamentos por outras causas -acordos arbitrais ou procesos por herdanzas, por exemplo- en Galicia rexistráronse durante os tres primeiros meses do ano un total de 684 lanzamentos, un 14,4% máis que no mesmo período de 2016 e un 2,5% por riba do inicio de 2015. Son, non obstante, un 1,4% menos que no comezo de 2013, inicio da serie histórica do CGPJ. Foi, segundo a serie, o terceiro trimestre consecutivo de incrementos.

Como vén acontecendo dende que existen estes datos, os lanzamentos derivados de alugueiros son moitos máis que os que son produto do impagamento dun crédito hipotecario. No comezo de 2017 os desafiuzamentos de inmobles arrendados chegaron aos 453, mentres que os hipotecarios quedaron en 205. Ambos indicadores están por riba dos rexistrados no primeiro trimestre de 2016 e, a respecto de 2015, os desafiuzamentos en arrendamentos son 53 máis, mentres que os hipotecarios son exactamente os mesmos.

O Consello Xeral do Poder Xudicial inclúe tamén neste paquete de datos a evolución das execucións hipotecarias, isto é, os procedementos xudiciais previos a un lanzamento, a un desafiuzamento. Neste sentido, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia salienta que as execucións aumentan no país "por primeira vez dende abril de 2015". As 289 demandas formuladas entre xaneiro e marzo supoñen un incremento interanual do 4,7%, mentres que no conxunto do Estado descenderon un 26,4%. A caída das execucións foi xeralizada agás en Galicia, Madrid, e Cantabria, resalta o TSXG. A cifra de execucións é, así e todo, máis dun 50% inferior ao período no que tocaron teito, entre 2012 e 2013.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.