CCOO rexeita a proposta da Xunta para a apertura en festivos por prexudicar o pequeno comercio

Evolución do número de traballadores e traballadoras no comercio galego Dominio Público Praza Pública

Como cada ano, a Xunta de Galicia, en cumprimento da Lei de horarios comerciais, solicitoulles aos sindicatos que presentasen unha relación de dez domingos e festivos que puidesen considerarse de posible apertura comercial. A resposta da Federación de Servizos de Comisións Obreiras foi o rexeitamento á apertura comercial nesas datas, por considerar que "o horario habitual abastece suficientemente as necesidades da poboación e dos negocios".

A medida "non beneficia o emprego", pois "o prolongamento dos horarios faise á custa de precarizar o traballo existente, non mediante a contratación de máis persoas"

Para CCOO, a apertura en domingos e festivos "fomenta unha loita desigual entre as grandes superficies, as grandes beneficiadas, e o pequeno comercio de proximidade". O sindicato engade que a medida "non beneficia o emprego", pois "o prolongamento dos horarios faise á custa de precarizar o traballo existente, non mediante a contratación de máis persoas". CCOO denuncia que a apertura dos comercios dez festivos ou domingos ao ano faise en numerosos casos "pola vía de incrementar de xeito abusivo a xornada laboral"; sinala, ademais, "o incremento do número de horas irregulares" e "a imposibilidade de conciliar a vida persoal, familiar e laboral".

Finalmente, segundo o sindicato, a apertura comercial en festivos "potencia unha perniciosa identificación entre lecer e consumismo desmedido", ao tempo que "contribúe a xerar un prexuízo notorio aos traballadores e traballadoras do sector".

Entre 2008 e 2015 perdéronse máis de 20 mil empregos no comercio galego, pasándose de 194.551 traballadores e traballadoras a tan só 173.424

Entre 2008 e 2015 perdéronse máis de 20 mil empregos no comercio galego, pasándose de 194.551 traballadores e traballadoras a tan só 173.424. O número de establecementos tamén descendeu notablemente (de 62.268 a 55.293). Pola contra, o volume de negocio incrementouse dende os 40.354 millóns de euros ata os 43.218 millóns.

Centro comercial na Coruña © Marineda City

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.