O PSdeG cre que a demanda contra NGB pode solucionar o conflito das preferentes en tres meses

O deputado Francisco Rivera © PSdeG-PSOE

O parlamentario socialista, Juan Carlos Francisco Rivera, considera que, “de haber vontade, o asunto das preferentes podería quedar pechado en dous ou tres meses”. O deputado socialistas basea o seu argumento na porta que se abre coa demanda colectiva presentada pola Fiscalía Superior de Galicia no xulgado da Coruña, e que esixe que se determine a nulidade de determinadas cláusulas, que se consideran abusivas para os contratantes. 

"Dado que hai unha vontade de pago e recoñecemento do dano por parte de NGB, esta entidade debera achantarse, figura pola que se recoñecen os feitos da demanda"

Segundo Rivera, os directivos de NGB xa teñen manifestado en diferentes ocasións que a entidade non se negaba á devolución dos cartos, senon que o problema reside no veto de Bruxelas, polo impedimento da Comisión Europea a que se efectúe un troco do 100% das preferentes por outros produtos financeiros. Por ese motvo, o deputado socialista afirma que “agora teñen unha oportunidade magnífica para dar unha solución definitiva aos miles de afectados”. Juan Carlos Francisco afirma que, dado que hai unha vontade de pago e recoñecemento do dano por parte de NGB, esta entidade debera “achantarse”, figura pola que se recoñecen os feitos da demanda e permitiría contar cunha sentenza firme nun prazo de dous a tres meses, incluíndo o parón estival dos xulgados.  

Remataría así o proceso cunha sentenza xudicial, “polo que Bruxelas non podería xa impoñer un veto”, sentencia Francisco Rivera. Salienta tamén o deputado que esta solución é moito máis rápida e eficiente que a arbitraxe proposta por Núñez Feijóo e que tamén está sometida ao bloqueo de Bruxelas. “Se hai vontade da Xunta e NGB este asunto estaría resolto. Agás que o problema non sexan os vetos de Bruxelas e o verdadeiro impedimento sexa unha falta de liquidez”, algo que, ata o de agora, a entidade sempre negou, recorda Francisco Rivera. 

“Se hai vontade da Xunta e NGB este asunto estaría resolto. Agás que o problema non sexan os vetos de Bruxelas e o verdadeiro impedimento sexa unha falta de liquidez”

Así mesmo, o PSdeG empraza á Xunta a que se pronuncie sobre esta cuestión e anuncia a presentación de iniciativas para instar a entidade a “rematar con este drama que afecta a miles de cidadáns recoñecendo no xulgado o que todos recoñecen fóra do xulgado”. Francisco Rivera esixiulle a Feijóo que reclame que, das inxección de seis mil ou sete mil millóns de euros que en breve recibirá NGB, se reserve unha parte para este cometido. Rivera pediulles finalmente aos populares o apoio á emenda socialista ao Real Decreto de Saneamento do Sistema Financeiro pola que se estende o cambio das preferentes a depósitos a prazo fixo co 100% garantido, e non só por bonos e obrigas convertibles, como recolle o texto do Goberno.

O deputado Francisco Rivera © PSdeG-PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.