Os encoros da conca Miño-Sil están no seu nivel máis baixo dende o 2004

Encoro de Castrelo de Miño CC-BY José Antonio Gil Martínez

O verán é tempo de seca, pero a notable escaseza de chuvias nos últimos 12 meses pode levar a que varias zonas de Galicia comecen a sufrir restricións no consumo de auga. Os encoros da demarcación Miño-Sil están no seu nivel máis baixo dende o 2004, o que levou xa a varios concellos da Limia e Valdeorras a solicitar axuda para manter o subministro de auga. Tamén hai restricións en localidades pontevedresas como Vilaboa, Portas e Ponte Caldelas, e Lalín anuncia que se non chove esta semana contratará camións cisterna.

De feito, Galicia leva dende xaneiro en prealerta por seca, pois xa naquel momento o nivel dos encoros era inferior á media dos anos anteriores, tras un outono seco. Posteriormente, tamén no inverno e na primavera as precipitacións situáronse moi por debaixo do habitual: a porcentaxe de precipitación neste inverno foi un 44% inferior con respecto ao período de referencia 1971-2000 e un 36% inferior con respecto ao período de referencia 1981-2010; e na primavera a chuvia caída foi un 17% inferior ao valor agardado, por mor dun abril moi seco, con precipitacións un 83% por debaixo da media dos últimos anos. A prealerta foi prorrogada en marzo, maio e xuño. En consecuencia, Augas de Galicia leva meses recomendándolle á industria e á cidadanía en xeral facer un consumo de auga "responsable". En xuño, o delegado en Galicia da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) alertaba de que só un verán "moi chuvioso" mudaría esta situación e que de chover tan só o habitual nestes meses manteríase o déficit de precipitacións.

Galicia leva dende xaneiro en prealerta por seca

Na terceira semana de agosto a auga recollida nos encoros da demarcación Miño-Sil, a máis importante de Galicia (e que inclúe ademais algúns situados na provincia de León), está no seu nivel máis baixo dende o ano 2004. Na actualidade os encoros suman 1.789,92 hectómetros cúbico, un 59% da súa capacidade, moi lonxe da media histórica (2.003,17 hm3 e o 66%). O ano pasado a terceira semana de agosto a cantidade de auga recollida era de 2.309,90 hectómetros cúbicos (un 76% da capacidade total). Hai que remontarse ata o ano 2004 para atopar uns niveis máis baixos que os actuais (1.629,16 hm3 e o 54%). Na demarcación de Galicia Costa o nivel é tamén máis baixo do habitual, con 432,15 hm3 encorados, o 62,62% do total, dez puntos menos que o ano pasado nesta altura (509,09 hm3 e o 74%). Con todo, neste caso os datos son mellores dos que se daban en 2010 e 2011.

Nas comarcas da bacía Miño-Sil o nivel de precipitación é o máis reducido dende o ano 1982

Nas comarcas que abrangue a Demarcación Hidrográfica Miño-Sil a precipitación acumulada no último ano suma apenas 637 litros por m2, moi por debaixo da media dos últimos 35 anos (1.135,8). É de feito, o nivel de precipitación máis reducido dende o ano 1982 nesta zona. 

Tamén van baixos os ríos, sobre todo na provincia ourensá. O Avia perdeu un 81% do seu caudal habitual en Leiro. En Carballiño o río Arenteiro vai un 64% máis baixo e a redución no caso do Arnoia é do 59%.

 

Medidas en varios concellos

Petín, Vilamartín de Valdeorras, Xinzo de Limia, Os Blancos e Vilardevós xa están a recibir a axuda dos camións cisterna da Deputación

Petín, Vilamartín de Valdeorras, Xinzo de Limia, Os Blancos e Vilardevós xa están a recibir a axuda dos camións cisterna da Deputación de Ourense. A Rúa e Ribadavia solicitaron da Confederación Hidrográfica de Miño-Sil mudar os seus puntos de captación por mor do esgotamento dos seus recursos actuais. Tamén hai restricións en localidades pontevedresas como Vilaboa, Portas e Ponte Caldelas, e Lalín anuncia que se non chove esta semana contratará camións cisterna.

 

Volume total de auga nos encoros das concas Miño-Sil e Galicia-Costa na terceira semana de agosto (en Hm3) Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.