0 Gardados para despois

Madrid deberá recortar o gasto en 40.000 millóns para cumplir co obxectivo de déficit

Lara GrañaLara Graña | @lara_grana


Documentos relacionados

O desmentido non chegou ata que a noticia da axencia Reuters, no que se recollía a denuncia de Bruxelas de que España mentiu sobre as cifras de déficit, foi portada nas webs de información de todo o Estado. Ata pasadas as tres da tarde nin Moncloa nin o Ministerio de Economía quixeron responder fronte á insinuación da Comisión Europea. Acusación grave tendo en conta, ademais, que o Goberno de Rajoy decidiu subir o IRPF tras ter detectado precisamente unha taxa de déficit moi superior á estimada antes do cambio de Executivo. A reacción oficial do comisario de Asuntos Económicos, Olli Rehn, non foi un desmentido. Tildou a información de "enganosa" e "equivocada", mais non quixo opinar respecto do nivel real de déficit da economía española a peche de 2011. Os datos finais, en calquera caso, serán difundidos en dúas semanas por parte do Eurostat.

Sexa cal sexa a cifra final de déficit, o que si quixo deixar claro Rehn é que o obxectivo para 2012 no caso español é o 4,4%. Isto é, case cinco puntos porcentuais por debaixo do nivel no que España pechou o ano 2010 (9,3%). Todos os analistas dan por feito que a desviación orzamentaria superará o 6,6% establecido por Elena Salgado, malia que non se chegue ao 8,2% prognosticado por Luis de Guindos (a cifra presuntamente alterada). No mellor dos casos, e segundo os cálculos de economistas de Funcas ou a Fedea, a obrigación por parte de Bruxelas de que España cumpla co 4,4% podería conlevar un recorte adicional de ata 40.000 millóns de euros, dependendo da taxa final.

No mellor dos casos, a obrigación por parte de Bruxelas de que España cumpla co 4,4% podería conlevar un recorte adicional de ata 40.000 millóns de euros

A Unión Europea, malia aos intentos de Rajoy, non está disposta a conceder unha moratoria que facilite o cumprimento da chamada disciplina orzamentaria. Bruxelas sitúa así a España ao mesmo nivel que Portugal ou Irlanda no que respecta á rixidez nos prazos para estabilizar as taxas de déficit. E o fai malia que organismos como o FMI ou o Banco de España avancen que a recaída no proceso recesivo será profunda, de ata o 1,5% a finais de ano.

O adiamento na presentación dos Orzamentos do Estado respondía a unha estratexia clara: dunha banda á posibilidade de negociar en París ou Berlín un relaxamento dos obxectivos de déficit; doutra, a celebración dos comicios en Andalucía (e agora tamén en Asturias). Ninguna das dúas é aceptable para Bruxelas. A austeridade segue liderando o proceso de desapalancamento das economías chamadas periféricas

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.