0 Gardados para despois

A Xunta exhibe optimismo sobre o sector lácteo, malia que o prezo segue por debaixo dos 30 céntimos

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, sinalou este venres que a produción de leite en Galicia "segue medrando". Destacou tamén os "datos positivos" en canto aos prezos do leite, que se sitúa nos 29,9 céntimos por litro de media. Vázquez subliñou que as explotacións galegas "están a adaptarse ás condicións que impón o mercado" e cualificou o actual momento de "crucial". A responsable de Medio Rural tratou este optimista panorama do sector leiteiro galego durante a inauguración da cuarta edición do mestrado en produción de leite que desenvolve o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM).

A visión amosada por Vázquez contrasta coa realidade dos datos oficiais, que amosan efectivamente unha leve recuperación nos últimos meses do prezo medio pagado aos produtores, pero que en todo caso se sitúa por baixo da media española e moi por debaixo do nivel no que se movía en anos anteriores. A produción total, lixeiramente superior á rexistrada hai doce meses, non experimenta cambios notables, manténdose estable dende xaneiro de 2015. O que si varía, e moito, é o número de explotacións, que se reduciu en 1.350 nos últimos dous anos e medio.

Así, o prezo medio rexistrado en xullo (29,9 céntimos por litro) é tres céntimos superior ao do mesmo mes en 2016 (26,8) e mellora tamén o de xullo de 2015 (27,6). Con todo, sitúase moi lonxe dos datos de 2014 (33,7) e 2013 (34,4). Convén ter en conta, ademais, outros elementos: a cantidade pagada en Galicia está aínda máis dun céntimo por debaixo da media española (31 céntimos por litro), e máis lonxe do pagado en Asturias (32,9) ou Andalucía (32,7). En segundo lugar, cómpre lembrar que o custe de produción dun litro de leite se sitúa ao redor dos 31 céntimos. E, finalmente, hai que ter en conta que unha parte importante das explotacións galegas (as de menor tamaño) seguen cobrando por debaixo desa cifra media: así, as explotacións que producen menos de 100.000 litros cobran unha media de 26,45 centimos por litro, as que producen entre 100.000 e 200.000 reciben 28,1 e as que están entre 200.000 e 300.000 fican en 29.

A conselleira do Medio Rural celebraba outro dato, o do incremento da produción no último ano, no que Galicia pasou de producir 222.661 litros a entregar 227.994 litros, o 40% do total do Estado español. Con todo, a cifra declarada polos compradores experimentou un lixeiro descenso (de 179.231 litros a 178.913). En calquera caso, estes indicadores mantéñense estables nos dous últimos anos: en xullo de 2015 a cantidade producida era de 223.230 litros e a declarada polos compradores 190.834 litros, 12 mil máis dos actuais.

O que si varía, e moito, é o número de explotacións, en constante descenso nos dous últimos anos. Así, a cantidade total de granxas produtoras de leite en Galicia pasou de 9.606 en xaneiro de 2015 a 8.256 na actualidade. En xullo do pasado ano eran 8.755, 500 máis que as existentes hoxe.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.