Os salarios seguen estancados no mesmo nivel de 2010

Evolución do custo salarial ordinario medio en Galicia e no conxunto de España Dominio Público Praza Pública

Os salarios levan sete anos estancados en Galicia. Así o volven amosar os datos da Enquisa trimestral de Custo Laboral, publicada este venres polo INE, que sinala que no segundo trimestre de 2017 o custo laboral total das empresas galegas (2.259,71 euros por traballador/a) se mantivo case sen cambios con respecto ao mesmo período do ano anterior (2.232,73). A mesma estabilidade atopámola nos custos salariais totais (que inclúen -ademais dos soldos base- os complementos, pagamentos por horas extraordinarias e atrasos) e no dato dos custos salariais ordinarios, que reflicten as evolucións no salario base.

Dende hai sete anos as variacións son case inexistentes, movéndose sempre ao redor da cantidade actual e acadando un máximo en 2014 (1.471) e un mínimo en 2012 (1.439)

A media (1.460,73 euros brutos mensuais por traballador ou traballadora) descende moi lixeiramente con respecto ao trimestre anterior (1.463,14 euros) e apenas varía con respecto a hai 12 meses (1.446,88 euros). De feito, dende hai sete anos as variacións son mínimas, movéndose sempre ao redor da cantidade actual e acadando un máximo en 2014 (1.470,72) e un mínimo en 2012 (1.439,47). A tendencia é semellante no conxunto de España, cun custo salarial medio igualmente estancado dende o 2011 e actualmente situado en 1.629,39 euros, por debaixo do dato de hai 12 meses (1.630,53). 

Só atopamos subas salariais na Industria, un sector con empresas máis grandes, con máis actividade sindical e cunha maior importancia dos convenios colectivos. Neste caso, os salarios medios non deixaron de crecer nos últimos anos, situándose na actualidade en 1.651 euros, algo por debaixo do dato de hai tres meses (1.658) e hai un ano (1.655) pero notablemente por riba das cifras de 2010 (1.518 euros). Iso si, tamén na industria os salarios levan conxelados no último ano e medio.

Pola contra, no sector servizos (o que emprega á maioría dos traballadores e traballadoras galegas), os salarios que pagan as empresas mesmo se reduciron nos últimos seis anos, dende os 1.420 euros do segundo trimestre de 2010 ata os 1.412 euros do segundo trimestre de 2017, experimentando -iso si- un leve ascenso nos últimos 12 meses. O sector da construción, finalmente, amosa máis subas e baixas, situándose hoxe en niveis parecidos aos de 2010.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.