Ryanair anuncia centos de cancelacións nas próximas seis semanas, varias delas en Galicia

Captura de parte do listado de voos cancelados por Ryanair para este martes, dous deles entre Madrid e Santiago CC-BY-SA Praza Pública

Este mércores non operará o voo entre Vigo e Barcelona, todos os martes e xoves desaparece unha conexión entre Santiago e Madrid e no Porto son máis de douscentos os voos afectados. Fomento ábrelle un expediente informativo á compañía.

A aeroliña de baixo custo Ryanair, que en Galicia opera nos aeroportos de Santiago e Vigo, vén de anunciar a cancelación de centos de voos con billetes xa vendidos, ata “2.000 voos nas próximas seis semanas”, segundo o cálculo do Ministerio de Fomento. Segundo a empresa, os viaxeiros afectados recibirán un correo informando da cancelación e do xeito en que poden ser recolocados noutros voos. “Non estamos curtos de pilotos, liámonos na distribución das vacacións”, xustificou este luns nunha rolda de prensa en Dublín o conselleiro delegado de Ryanair, Michael O'Leary, ante as novas dúbidas que este novo problema fan espertar sobre o axustado do seu cadro de persoal.

Segundo Fomento, Ryanair “está avisando a todos os pasaxeiros afectados, ofrecendo a posibilidade de reembolsar o 100% do prezo do billete ou a súa reubicación nun voo posterior”. O ministerio di que abrirá “un expediente informativo para verificar o estrito cumprimento dos dereitos dos pasaxeiros” mentres que a empresa di “entender” que “as cancelacións dos voos poden causar estrés e trataremos na medida do posible de reacomodalos na opción que mellor lles conveña cumprindo co regulamento europeo”.

A empresa di “entender” que “as cancelacións dos voos poden causar estrés e trataremos na medida do posible de reacomodalos na opción que mellor lles conveña cumprindo co regulamento europeo”

A web da compañía dispón dun “listado dos voos cancelados” desde o pasado sábado día 16 de setembro e o sábado 28 de outubro. En Galicia, nese listado aparece como cancelado para este martes o voo Madrid-Santiago (5317) e o Santiago-Madrid (5318), mentres que para este mércores figuran os voos Barcelona-Vigo (245) e o Vigo-Barcelona (246). Posteriormente, os problemas concentraranse só en Santiago, aeroporto no que os martes e os xoves non aterrará nin despegará a última das conexións do día con Madrid ata sumar un total doutros 20 voos ata o 28 de outubro. No aeroporto do Porto, no que Ryanair ten unha ampla implantación, as cancelacións ascenden a máis de duascentas a diversos destinos como Londres, Berlín ou París.

O conselleiro delegado de Ryanair, Michael O'Leary Dominio Público Ryanair

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.