Navantia, obrigada a pagar indemnizacións polo amianto como herdeira de Bazán e Izar

Concentración de afectados polo amianto © AGAVIDA

Unha sentenza da Sala do Social Tribunal Supremo vén de confirmar a responsabilidade solidaria de Navantia como empresa herdeira de Bazán e Izar no pagamento de indemnizacións ás familias dos traballadores que sufriron prexuízos de saúde polo uso de amianto como material illante. O ditame confirma unha sentenza anterior de 2015, desestimando os recursos presentados por Izar Construcciones Navales e por Navantia e confirma o pagamento económico que que deben recibir a viúva e fillos de José Teijeiro Piñón, traballador ferrolán falecido en 2010.

José Teijeiro Piñón faleceu en 2010 vítima dun adenocarcinoma de pulmón Estadio IV, con metástases hepáticas, suprarrenais, óseas e ganglionares, confirmando a necropsia que a causa fora o contacto co amianto. Ingresara en Bazán como soldador en 1971, aos 26 anos de idade, xubilándose en 1999, con 54. A sentenza recolle que realizaba as súas funcións fundamentalmente a bordo dos buques, instalando as tubaxes nos mesmos, utilizando o amianto para o seu forrado. Estes traballos eran realizados sen ter recibido información sobre este material e procedendo á limpeza das zonas de traballo mediante varrido en seco. A partir de 1976 a empresa comezou a incorporar algunhas medidas de seguridade, constando instrucións para os traballos con amianto dende novembro de 1982. Porén, a exposición sufrida polo traballador, ao igual que por moitos outros, xa fora suficiente para causar, no seu caso, a afección que con 65 anos acabou coa súa vida.

En 2013 unha primeira sentenza obrigou a Izar ao pagamento dunha indemnización de 240 mil euros á familia do falecido, absolvendo da responsabilidade a Navantia, herdeira da compañía. En 2001 Bazán transformouse en Izar, e en 2005 a rama militar da empresa converteuse en Navantia, ficando a parte civil en proceso de liquidación. A familia recorreu o ditame, e en 2015 o Tribunal Supremo deulle a razón, condenando a Navantia ao pagamento da indemnización, de forma solidaria con Izar.

O tribunal subliña que "o que produciu con respecto ás Empresas Izar e Navantia nin tan sequera alcanza a considerarse unha sucesión, posto que o que se produciu é un mero cambio de denominación"

As dúas empresas recorreron esta nova sentenza, recursos que agora o Supremo vén de desestimar. Navantia vén alegando de forma habitual en casos coma este que os traballadores afectados non tiveron vinculación contractual con ela, polo que quedaría exenta da obriga de pagar indemnizacións. O tribunal subliña, no entanto, que "o que produciu con respecto ás Empresas Izar e Navantia nin tan sequera alcanza a considerarse unha sucesión, posto que o que se produciu é un mero cambio de denominación". "Tanto unha como a outra son sociedades mercantís públicas, propiedade ao 100% da SEPI, que se dedicaron á mesma actividade, nas mesmas instalacións e cos mesmos traballadores", estima e engade que "non resultou acreditado que Navantia e Izar subscribisen acordo ningún que liberase á primeira das obrigas ou responsabilidades asumidas pola segunda".

A sentenza do Tribunal Supremo confirma a indemnización que Izar e Navantia deben aboar á viúva e aos dos fillos do falecido, estimando un pagamento total de 240 mil euros, en virtude da Lei de Infraccións e Sancións da Orde Social (LISOS).

 

Concentración de afectados polo amianto © AGAVIDA
Instalacións de Bazán en Ferrol, hoxe Navantia CC-BY-NC-ND Royal Australian Navy

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.