O número total de horas traballadas en Galicia é aínda inferior ao dato de 2011

Número total de horas efectivas traballadas cada mes en Galicia (en miles) Dominio Público Praza Pública

Cando o Goberno galego alude á "recuperación económica" ou á "recuperación do emprego" adoita botar man da evolución positiva da taxa de paro nos últimos anos. Efectivamente, a taxa de paro en Galicia (14,49% no terceiro trimestre, segundo a EPA) é moi inferior ao 23,2% que chegou a acadar no primeiro trimestre de 2014 e sitúase xa por debaixo dos niveis nos que se movía en 2010. Outros indicadores, referidos non só á porcentaxe de persoas que buscan traballo, senón ao número real de ocupados e ocupadas, amosan xa unha realidade algo distinta. Hoxe traballan en Galicia algo máis de 1.072.000 persoas (cifras da EPA do terceiro trimestre), case cen mil máis que no mínimo acadado a comezos de 2014 (983 mil), pero aínda por debaixo dos niveis de 2011 (1.094.000 no terceiro trimestre) e lonxe dos niveis previos á crise (por riba dos 1,2 millóns). O envellecemento e a emigración explican parte deste descenso no número de persoas con emprego.

O número total de horas traballadas cada mes en Galicia (139 millóns) é un 18% inferior aos niveis de 2008 (170 millóns), está moi por baixo do dato do segundo trimestre de 2011 (150 millóns) e é mesmo menor que a cifra do 2012 (140 millóns)

Porén, se atendemos á calidade destes postos de traballo, atopamos que a recuperación é aínda máis fraca. O número total de horas efectivas traballadas cada mes en Galicia (139 millóns) é un 18% inferior aos niveis de 2008, previos á crise (170 millóns), está moi por baixo do dato do segundo trimestre de 2011 (150 millóns) e é mesmo menor que a cifra do 2012 (140 millóns). O nivel mínimo acadouse en 2014 (133 millóns no segundo trimestre) e dende entón o incremento foi mínimo.

Unha parte desta recuperación tan cativa enténdese ao observar que nos últimos anos creceu a proporción de traballadores e traballadoras (sobre todo traballadoras) a tempo parcial, que hoxe son o 13% do total en Galicia, fronte ao 11% de 2008 (aínda que a porcentaxe chegou a roldar o 15%). 

Outro indicador que amosa a debilidade da recuperación económica refírese á crecente temporalidade nos contratos. A pesar de que cada vez se asinan máis contratos (algo do que fachendean habitualmente tanto o Goberno central coma o galego), non aumentan os de categoría indefinida e tampouco os temporais dunha duración importante. Así, en setembro asináronse en Galicia pouco máis de cinco mil contratos indefinidos, 346 de máis dun ano de duración e algo menos de tres mil de entre 6 meses e un ano. Unha ínfima parte dos case 100 mil contratos rexistrados. A maior parte foron de duración indeterminada (32 mil) e de menos dunha semana de duración (30 mil); unidos a outros once mil de entre unha semana e un mes.

En setembro asináronse en Galicia 5.201 contratos indefinidos, 346 de máis dun ano de duración e 2.889 de entre 6 meses e un ano. Unha ínfima parte dos case 100 mil contratos rexistrados

Os contratos dunha semana de duración representaron no último ano entre o 29% e o 39% de todos os contratos asinados en Galicia, aos que hai que sumar outros 9-15% de contratos de entre unha semana e un mes. No ano 2012 estes contratos de menos dunha semana de duración representaban entre o 21% e o 30% do total. Pola contra, naquel ano 2012, no peor da crise, a proporción de contratos indefinidos rozaba o 8% ou 9% do total, mentres que hoxe se move entre o 4% e o 5%.

 

Evolución dos contratos asinados en Galicia en función da súa duración Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.