A antiga rede exterior de Novacaixagalicia renuncia ás oficinas e destrúe 270 empregos

Oficina de Evo Banco © Evo Banco

EVO Banco fora vendido en 2014 por NCG Banco por imposición do Goberno a un fondo de investimento por 60 millóns

O crecemento das caixas de aforros galegas antes da súa fusión e afundimento levounas a abrir unha importante rede de oficinas máis alá do noroeste peninsular. Coa fusión, en 2012 formouse con elas unha nova entidade bancaria, EVO Banco, que o Estado obrigou a vender en 2014 a un fondo de investimento estadounidense por 60 millóns de euros. Agora botaá o peche á maioría da súa rede de oficinas e desfarase de 270 empregados.

EVO Banco vén de anunciar o que denomina como “nova fase na súa estratexia de negocio” na que di querer “consolidar o seu modelo dixital e reestruturar a súa rede comercial”. Na práctica suporá pechar 39 sucursais, o 90%, a maioría delas abertas na época das antigas caixas galegas, e quedar só con cinco oficinas, en Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla e Bilbao. Esa medida implicará, segundo recoñece a propia entidade, “unha redución de cadro de persoal de entre 260 e 270 empregados”, o que supón entre o 56% e o 60% do total.

Os sindicatos piden o cese do conselleiro delegado, Enrique Tellado, que fora directivo de Caixa Galicia

EVO Banco, se de define como “banca intelixente”, di que así “avanzará cara un novo modelo comercial con menos oficinas físicas e mellores canais a distancia”. Tras coñecer a decisión, os representantes dos traballadores valoraron que supón “a destrución masiva de postos de traballo e a fin da entidade tal e como a coñecemos agora” e pediron o cese inmediato do conselleiro delegado do banco, Enrique Tellado, que fora responsable de planificación estratéxica en Caixa Galicia e posteriormente director xeral financeiro de Novagalicia Banco.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.