A fin do verán destrúe máis de 2.300 empregos malia á mellora interanual do paro

CC-BY-SA Praza Pública

A fin do verán e das vacacións volve destruír emprego en Galicia, onde o número de afiliacións á Seguridade Social caeu en 2.356 no pasado mes de outubro, sendo unha das seis comunidades autónomas onde baixou a cifra con respecto a setembro. No Estado, pola contra, creáronse no mesmo período 94.368 empregos, con 617.173 (+3,5%) afiliados máis que hai un ano, fronte aos 18.352 persoas máis que no país se incorporaron ao mercado laboral (+1,9%), un aumento importante pero inferior á media estatal.

Así, o número de cotizantes en Galicia queda en outubro en 989.904 persoas, un 0,24% menos que en setembro, sendo a da Coruña a única provincia onde aumentou a cifra media de afiliados no pasado mes. 

O número de afiliacións á Seguridade Social descende en 2.356 en Galicia, unha das seis autonomías onde baixa a cifra

En canto ao desemprego, o paro rexistrado nas antigas oficinas do Inem incrementouse en outubro en 1.846 persoas (+1%) até quedar a cifra total en 185.903 persoas paradas, 13.037 menos que hai un ano (-6,55%), un descenso relativo que só foi menor nas Canarias e en Ceuta e fronte á baixada de case o 8% no conxunto do Estado. 

A recuperación do mercado laboral segue a ser feble e máis lento que no Estado en Galicia, onde o paro aumentou en todas as provincias agás na de Ourense, onde descendeu en case 300 persoas en outubro. Ademais, tamén subiu en todos os sectores, agás na construción (-355) e no colectivo sen emprego anterior (-61). O maior incremento deuse, unha vez máis, nos servizos, afectados pola finalización de contratos na hostalería e no turismo ao rematar setembro: aumentou o desemprego en 1.768 persoas. 

O paro medra máis entre a mocidade e sobe un 5,1% durante outubro

Por sexos, as mulleres representan o 57,2% do total das persoas desempregadas malia que en outubro medrou máis o paro entre os homes, un 1,6% fronte ao 0,6% entre as mulleres. Aínda así, 79.574 homes están en situación de desemprego fronte a 106.329 mulleres. Ademais, entre a mocidade o desemprego subiu un 5,1% no pasado mes, moi por riba do global. Mesmo con respecto a hai un ano, a evolución nos menores de 25 anos é contraria á xeral, ao medrar o paro en máis do 4%. 

Dos case 95.000 contratos asinados en outubro, tan só o 8,4% foron indefinidos

En canto ao número de contratos, asináronse en Galicia 94.870 durante outubro, 1.500 menos que en setembro pero 8.596 máis que no mesmo mes do ano pasado. De todos os asinados, tan só 7.957 foron indefinidos, o 8,4% fronte aos case 87.000 temporais.

Máis de 100.000 persoas en paro en Galicia non perciben prestación ningunha

Alén disto, no que ten que ver coa taxa de cobertura, situáse en 50,1%, polo que quedan fóra do sistema de protección 100.085 persoas en situación de desemprego. A taxa galega é case cinco puntos inferior á que se da no conxunto do Estado, de 54,8%. Ademais, tan só 34.687 beneficiarios, o 41,3%, perciben unha prestación contributiva. O resto perciben prestacións de carácter asistencial, ben sexa un subsidio (37.732 persoas); renda activa de inserción (9.800 persoas) ou beneficiarios dun programa de activación do emprego (1.753 beneficiarios).

Nas súas primeiras reaccións, a Xunta de Galicia destacou a baixada interanual do desmprego e que "desde 2013 unha de cada tres persoas no paro saíu del. Ademais, advertiu que o paro sobe "como ocorre cada outubro desde que hai datos", pero tamén que Galicia "é a cuarta comunidade na que menos crece". 

>> HABERÁ AMPLIACIÓN

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.