Case un terzo dos salarios galegos non chega a mileurista

Evolución dos salarios CC-BY-SA Praza Pública

O salario medio en Galicia sitúase exactamente no mesmo nivel no que se atopaba en 2011. 5 anos de estancamento

As nóminas mensuais de un de cada tres asalariados e asalariadas galegas (un 31,5%) non chega a mil euros ou, como moito, rolda esa cantidade. O INE publicou este mércores a estatística salarial correspondente a 2016. Estes datos revelan que o salario medio creceu moi lixeiramente en Galicia, pasando dos 1781 euros mensuais brutos do 2015 aos 1787 euros en 2016. A evolución no conxunto de España, pola contra, foi negativa, descendendo o salario medio de 1.894 a 1.878 euros. Isto fai que a fenda salarial entre Galicia e o conxunto do Estado se reduza minimamente, aínda que segue sendo de case 90 euros ao mes. O dato galego sitúase ao mesmo nivel que o rexistrado en 2011 (1786,88 euros), recuperando polo tanto cinco anos despois o nivel máximo acadadado antes dos peores momentos da crise económica. 5 anos de estancamento, pois.

Porén, os valores medios non poden ocultar que hai unha porcentaxe moi importante de asalariados e asalariadas en Galicia que ingresa cantidades moi inferiores. Así, os datos publicados polo INE revelan que o dez por cento (uns 82.000 traballadores e traballadoras) gañou menos de 710 euros brutos cada mes ou que case o 20 por cento (161.300) ingresou menos de 1,002 euros mensuais brutos. O 31,5% do total (259.400) recibiu menos de 1.229,29 euros brutos cada mes, que en termos netos roldan os mil euros netos.

Máis da metade dos asalariados e asalariadas galegas (o 52,5%) gaña cada mes menos de 1.595 euros brutos

Os dous terzos restantes si estarían por riba desa condición de mileuristas, pero outro 21% (172.900 traballadores e traballadoras) ingresa entre eses 1.229 e 1.595 euros brutos cada mes. Así pois, máis da metade dos asalariados e asalariadas galegas (o 52,5%) gaña cada mes menos de 1.595 euros brutos. 

Analizando a evolución das medias salariais dos últimos anos, confírmase a situación de estancamento, cun crecemento sostido ata 2011, un recorte nos dous anos seguintes, e unha leve recuperación entre 2014 e 2016. Con todo, os salarios non se comportaron de igual maneira para todas as capas da poboación traballadora. Antes do inicio da crise (ano 2008) o 21% dos e das asalariadas galegas gañaba menos de 1.021 euros mensuais brutos, mentres que no 2016 unha porcentaxe semellante (19,6%) obtén aínda menos: 1.003 euros. Pola contra, o grupo de traballadores e traballadoras con mellores condicións si viu incrementadas as súas nóminas. Se no ano 2008 o 18% dos asalariados e asalariadas galegas ingresaba cando menos 2.372 euros mensuais brutos, hoxe unha proporción equivalente (17,3%) gaña unha cantidade substancialmente maior, cando menos 2.595 euros.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.