O 12% dos fogares galegos xa chega "con moitas dificultades" a final de mes

Aumentan as dificultades para chegar a final de mes © bestowin.wordpress.com

O Instituto Galego de Estatística (IGE) publicou este venres os datos da súa enquisa conxuntural aos fogares correspondentes ao segundo trimestre do ano. Os datos amosan que o 11,71 por cento dos fogares galegos chegan "con moitas dificultades a final de mes", fronte ao 6,50 por cento do trimestre anterior; outro 41% afirma chegar "con dificultades".

Descende o Indicador de confianza do consumidor, que pasa de 29 puntos negativos a 32 puntos negativos

De igual xeito, descende o Indicador de confianza do consumidor, que pasa de 29 puntos negativos a 32 puntos negativos. Empeoran tanto as perspectivas de evolución da situación financeira persoal (catro puntos menos), a capacidade futura de aforro (outros catro puntos), as perspectivas de evolución da situación económica de Galicia (dous puntos menos) e tamén a perspectiva de evolución do desemprego (cinco puntos menos). O Indicador de sentimento do consumidor empeora sete puntos, até chegar a 27,71 puntos negativos. E neste caso tamén descenden todas as súas compoñentes.

Cada vez son máis os fogares que decidiron tomar algunha medida para diminuír os seus gastos ou incrementar os seus ingresos. Así, o 37% afirman que diminuíron os "outros gastos comúns, como roupa e calzado, transporte..., agás alimentación" e un 9% recoñece que recibiron "axuda económica de familiares ou amizades" e tamén aumentan as persoas que din que o van facer no futuro.

A enquisa tamén revela datos positivos, pois aumenta a porcentaxe de fogares que se permitiron "extras" nos últimos tres meses

Porén, a enquisa tamén revela datos positivos, pois aumenta a porcentaxe de fogares que se permitiron "extras" nos últimos tres meses, tanto no que se refire a realizar viaxes, coma a saír a cear fóra, coma a realizar compras non previstas de roupa e calzado, ou de alimentación.

Aumentan as dificultades para chegar a final de mes © bestowin.wordpress.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.