0 Gardados para despois

O Congreso debaterá reducir a idade de xubilación dos gardacostas pola dureza do seu traballo

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


150 persoas traballan no Servizo de Gardacostas de Galicia, creado en 2004. realizando labores de vixilancia e salvamento, fundamentais para garantir a seguridade de mariñeiros e mariscadores e tamén para a protección do medio ambiente e a loita contra a contaminación. Porén, a pesar da dureza do seu traballo, a súa idade de xubilación é a mesma que a dos traballadores do réxime ordinario, chegando xa aos 67 anos. En Marea vén de rexistrar -en colaboración coa CIG- unha Proposición de Lei no Congreso dos Deputados para a asignación de coeficientes redutores na idade de xubilación ao persoal do Servizo de Gardacostas de Galicia. De ser aprobada, e aplicado o coeficiente redutor de 0.15 aos anos traballados, a idade de xubilación deste colectivo reduciríase aos 60 anos ou mesmo ata os 59 (no caso de levar máis de 35 como gardacostas).

O traballo dos gardacostas inclúe dende o 2004 os labores de salvamento ou de loita contra a contaminación marítima

A Lei da Seguridade Social (artigo 205) permítelle ao Goberno establecer condicións determinadas para colectivos de traballadores para o acceso idade de xubilación. En Marea propón engadir na Lei de Seguridade Social unha disposición adicional para darlle cobertura ao servizo de gardacostas “para ter os mesmos dereitos que outros colectivos que teñen condicións penosas no traballo”. Estas condicións veñen xustificadas pola "perigosidade" do seu traballo, sobre todo nos labores de salvamento, ou pola "toxicidade" coa que se teñen que enfrontar á hora de loitar contra certos eventos de contaminación mariña.

En rolda de prensa celebrada este luns na Coruña, Antón Gómez Reino salientou que este servizo, "fundamental para a defensa dos ecosistemas mariños", non foi "ben tratado pola Xunta" e lembrou que o sector do mar suma o 10% do PIB galego e máis de 100.000 postos de traballo. Unhas ideas nas que incidiu Yolanda Díaz, voceira de EnMarea no Congreso, que denunciou “o maltrato aos homes e mulleres vencellados aos traballos do mar”. “Pedimoslle ao PP que non vete a nosa Lei e protexa os dereitos dos traballadores e traballadoras do mar, da nosa xente e deste servizo galego", engadiu, subliñando que no pasado o Partido Popular se amosou disposto a mellorar as condicións de xubilación deste colectivo, dando o seu apoio a unha Proposición non de Lei neste senso.

Díaz denunciou “o maltrato aos homes e mulleres vencellados aos traballos do mar” e subliñou a importancia do traballo realizado pola CIG

Díaz agradeceu ademais o traballo da CIG, subliñando “a importancia de tecer redes cos movementos sociais e sindicais”. Xoán Canedo, gardacostas e presidente do comité de empresa de Pontevedra, agradeceu á súa vez a preocupación de EnMarea, que plasmaron desta Proposición de Lei as reivindicacións que os traballadores levan demandando dende o ano 2004. Roberto Varela, secretario xeral da CIG autonómica, agradeceu igualmente o labor realizado pola formación política e anunciou que nos vindeiros días o sindicato iniciará conversas con todos os grupos políticos galegos para buscar un apoio unánime á iniciativa.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.