Competencia investiga a industrias lácteas galegas por un posible pacto de prezos

Protesta sindical polos prezos do leite © Sindicato Labrego Galego

Máis que sospeitas. Unha das reivindicacións máis reiteradas dos sindicatos agrarios e do mundo gandeiro en xeral é a necesidade de controlar as industrias lácteas co obxectivo de que paguen prezos xustos polo leite e que o fagan, ademais, sen pactos entre elas. A Comisión Nacional da Competencia (CNC) -órgano estatal que, ata o momento, vela polas correctas prácticas comerciais no mercado- tivo coñecemento destas reclamacións a través de diversas "noticias aparecidas na prensa relativas á problemática do sector do leite" pero tamén en "numerosas denunicas e queixas" recibidas na súa Dirección de Investigación, as mesmas que deron "orixe" a unha indagación formal por posibles prácticas irregulares das empresas leiteiras.

A CNC inspeccionou diversas industrias lácteas e asociacións que as agrupan ante a posibilidade de que "intercambien información sensible" sobre clientes e pacten prezos

Tras diversas indagacións o pasado mércores, segundo recoñece a propia CNC, representantes do órgano estatal desenvolveron "inspeccións en diversas asociacións da industria láectea e nalgunhas empresas lácteas en Galicia", tamén en Cantabria e Catalunya, "baixo a sospeita dun posible reparto de mercado e unha fixación de condicións comerciais na compra dos seus aprovisionamentos de leite aos gandeiros", isto é, un posible pacto de prezos, para que ningunha industria lle ofreza aos gandeiros condicións máis vantaxosas que o resto, e un eventual reparto do territorio para que, na práctica, non exista competencia entre eles e os produtores e produtoras non teñan onde elixir.

De confirmarse, a información que manexa a Comisión ratificaría tamén o que as centrais sindicais gandeiras veñen denunciando reiteradisimamente. "Estas informacións refírense a posibles prácticas anticompetitivas de diversas empresas lácteas" e das asociacións que as agrupan "e consistirían en intercambios de información sensible sobre clientes, condicións de compra e prezos" e "na adopción de acordos cuxo obxecto sería o reparto do mercado e a fixación de condicións comerciais aos gandeiros" que, na práctica, ficarían convertidos en reféns comerciais da industria. 

As inspeccións do mércores, nas que colaboraron efectivos da Xunta, non son máis, segundo informa a CNC, ca un "paso preliminar" nun "proceso de investigación máis amplo", que non "prexulgan o resultado da investigación nin a culpabilidade das entidades inspaccionadas". Pero, advirte, "no caso de acreditarse algún indicio, procederíase á incoación formal de expediente" nun contexto no que a Comisión ten "como un dos obxectivos fundamentais" a "loita contra as prácticas máis dañinas, en particular, os cárteles", dada "a especial gravidade das súas consecuencias sobre os consumidores". Neste sentido, a CNC lembra que se algunha das empresas que forma parte deste tipo de pactos de prezos "achega elementos de proba que posibilitan a detección ou a comprobación da existencia de dito cártel", a lei permítelle "beneficiarse da exención do pagamento da multa ou, no seu caso, dunha considerable redución" do seu importe.

Protesta sindical polos prezos do leite © Sindicato Labrego Galego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.